Saltar ao contido
Pazo de María Pita

María García: “Hai quince días que lle propuxen a Inés Rey, por carta, mudar as bases para pagar o 98% do importe por anticipado. É legal e urxente. De que serve unha axuda que lle chega a un negocio pechado?”

A comezos deste mes o Concello só pagara o 2,8% das máis de 3.800 solicitudes: o atasco é absoluto

A Marea Atlántica denuncia que Inés Rey levou hoxe á Xunta de Goberno Local unha serie de cambios para corrixir erros graves nas axudas a pemes e persoas autónomas fronte á pandemia, pero négase a ter en conta a proposta do noso grupo para axilizar a súa tramitación e compensar aos beneficiarios e ás beneficiarias polo atraso. A nosa voceira, María García, lembra que “hai quince días que lle propuxen á alcaldesa, por carta, que fosen de pago inmediato até nun 98% do seu importe, sen ter que agardar á xustificación dos gastos. É un escándalo que non a tivese en conta cando hai milleiros de persoas sen cobrar un euro”.

Segundo os datos ofrecidos polo propio executivo local na Comisión de Facenda, a comezos deste mes só se pagaran o 2,8% das máis de 3.800 axudas solicitadas. O atasco na tramitación destas medidas “urxentes”, é absoluto. E o goberno ten medios para remedialo, pero négase a escoitar.

Concentración do sector da hostalería en María Pita.
Concentración do sector da hostalería en María Pita. Foto: Sandra García Rey.

Insistimos, a ordenanza marco de subvencións do Concello da Coruña permite pagar ata o 98% do importe concedido de maneira anticipada. E este adianto pode ser automático, sen necesidade de que teñan que solicitalo as persoas beneficiarias, que non sempre contan co tempo e as habilidades para pelexar na burocracia.

“As axudas deben adiantarse de oficio. É legal e resulta urxente nestes momentos, nos que un día de demora pode ser unha sentenza de peche, e o goberno está a tardar meses e meses. De que serve a axuda que chega a un negocio xa pechado?”, pregúntase María García.

A nosa voceira engade, unha vez máis, a petición de que “Inés Rey e o PSOE se deixen de liortas internas e poñan a cabeza na cidade da Coruña e a súa veciñanza. Coa crise que temos enriba, non vale un goberno a tempo parcial”.

Dous modificativos pequenos e tardíos 

A Xunta de Goberno Local tamén tramitou hoxe dous modificativos de crédito que amosan que o goberno non está ao que ten que estar. Xuntos, non chegan aos 250.000 euros, menos do 0,1% do Orzamento, e chegan tarde, co tempo xusto para entrar en vigor este ano. Non traen novas políticas nin axudas para a crise, limítanse a pagar débedas e convenios que deberían estar abonados a 31 de decembro de 2019. Ademais, boa parte dos expedientes están asinados por concelleiros en áreas que xa non ocupan desde comezos de setembro. Así de rápido traballa o goberno de Inés Rey. Pediremos explicacións por esta demora.

Os datos que acompañan a estes modificativos amosan, ademais, que continúa a baixísima execución do Orzamento municipal, como xa denunciamos. O expediente amosa que, a 6 de novembro, o grao de execución era do  55,03%. Quedan máis de 140 millóns e euros sen gastar nas arcas do Concello, “140 millóns que non se están a investir en servizos sociais, nin en arranxar centros de ensino e adaptalos á situación, nin en apoiar á cultura, ao comercio ou á hostalería, nin no transporte público”, sinala María García.

Ante esta situación, instamos unha vez máis ao PSOE a poñerse a traballar e deixar as purgas internas. En palabras da nosa voceira: “Volvemos tender a man para acelerar o pago das axudas do plan de choque contra a pandemia, o chamado Presco, e para comezar canto antes a elaborar os Orzamentos 2021. O 1 de xaneiro, en cinco semanas, as entidades sociais, deportivas, culturais e veciñais da cidade quedan sen cobertura económica e sen convenios”.

Fondos insuficientes para as bolsas comedor

Outro asunto tratado na XGL de hoxe foi a ampliación de fondos para as bolsas comedor. A 26 de novembro. Non só amosa unha vez máis a lentitude deste goberno (nós xa avisamos en xuño de que non chegarían os cartos), senón que pon de manifesto os problemas de ter un orzamento prorrogado. O groso da amplíación de fondos é para o ano que vén, pero só para o período xaneiro-xuño, ata que remate o curso. A este paso, dubidamos de que haxa recursos suficientes para cubrir o período lectivo de 2021-2022. A cidade precisa un novo Orzamento.

Incumprimento na Fundación Luis Seoane

Padroado da Fundación Luis Seoane
Padroado da Fundación Luis Seoane, celebrado o 25 de novembro. Foto: Sandra García Rey.

Doutra banda, onte celebrouse o Padroado da Fundación Luis Seoane, onde o noso representante, o concelleiro Iago Martínez, lembrou que entre os nosos acordos do PSOE para os Orzamentos 2020 asinados en decembro de 2019,  está o de investir 800.000 euros nas obras que precisa o edificio da Fundación. “Mentres vemos ao goberno incumprir outro compromiso, as filtracións no edificio continúan e o risco de afección sobre o legado de Seoane tamén”, sinalou o noso vicevoceiro.

A resposta da alcaldesa, responsable de Cultura e presidenta do Padroado, foi negarse a dar explicacións sobre o estado de tramitación desta obra nin ofrecer solución ningunha para frear o deterioro do edificion. Unha vez máis, Inés Rey amosa que non ten a cabeza nas tarefas de goberno, senón nas leas internas do seu partido.

Por isto, o grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou hoxe un rogo oral para a súa lectura no próximo pleno, instando ao executivo local a cumprir este compromiso e poñer en marcha as obras antes de que o deterioro do patrimonio de Luis Seoane sexa irreversible.

O PSOE segue sen axilizar as axudas a pemes e autónomos nin incorporar melloras