Saltar ao contido

Levamos ano e medio sen avances,  e só quedan cinco meses para presentar un plan de conservación do ENIL da Torre. Co PP xa se perdera a protección das Illas de San Pedro por non cumprir os prazos

 O último informe da ONU alerta da grave emerxencia climática e recomenda coidar os espazos naturais urbanos e zonas verdes para combatela


A Marea Atlántica reclámalle ao goberno municipal de Inés Rey que publique canto antes Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local da Torre de Hércules, antes de que perda a súa protección provisional por non cumprir os prazos. Debe facelo antes do 13 de xaneiro de 2022, tras un ano e medio sen avances para dotar de protección definitiva a esta zona, unha das de maior riqueza ecolóxica e biodiversidade da Coruña. 

Tal e como advirte a nosa voceira, María García, “entramos na recta final do prazo, só faltan cinco meses e non sabemos nada do plan de conservación. Tememos que, sendo tan curto o tempo, que se faga sen consultar a ninguén, nin á Corporación nin ás entidades veciñais e ecoloxistas da Coruña”. Tamén lembrou que durante o goberno de Carlos Negreira, o PP deixou caducar a declaración provisional de ENIL para as Illas de San Pedro, facendo que a Marea Atlántica tivese que reiniciar o procedemento de novo, e agardamos que o PSOE non cometa o mesmo erro. 

O plan de conservación é un documento que regula os usos dun Espazo Natural protexido, coma as actividades e eventos que alí poden celebrarse, a retirada de plantas invasoras, ou a protección das especies máis sensibles. Tamén deixa claros os recursos que o Concello da Coruña vai investir en coidar e mellorar a zona ENIL. E sen este documento, a Xunta non outorgará a protección definitiva. “Notamos moi pouco interese nesta cuestión por parte do PSOE, e pedímoslles que non descoiden a protección da natureza urbana e non desperdicien a herdanza que lles deixou a Marea Atlántica”, sinala María García. 

“A falta de avances, por desgraza, non se dá só na Torre. Tampouco se están a poñer en valor as Illas de San Pedro, un ENIL que si conta con protección completa. Nin se traballa pola protección doutras zonas moi valiosas, coma as contornas dos ríos de Quintas e Feáns. Os Bosques da Coruña e o Plan de Infraestrutura Verde están paralizados… Xusto cando a ONU alerta do terrible avance na emerxencia climática, temos un goberno local que renuncia a protexer a natureza urbana”, conclúe María Garcia. O informe recentemente publicado polas Nacións Unidas é claro nos riscos do cambio climático, e tamén nos mellores xeitos de combatelo: reducir o consumo enerxético por un lado, e protexer as zonas verdes e os espazos naturais polo outro, xa que son decisivos para fixar o CO2 e reducir o efecto invernadoiro.

Da lentitude da Xunta á lentitude de Inés Rey

A declaración provisional de ENIL para a contorna da Torre de Hércules comezou a tramitarse no mandato da Marea Atlántica, aínda que a Xunta tardou dous anos e medio en resolver a solicitude, grazas as presións do deputado Xan Xove. Foi publicada no DOG o 13 de xaneiro de 2020, e agora o Concello da Coruña ten a obriga de publicar o plan de conservación antes de que pasen dous anos. 

Se a contorna da Torre de Hércules Merece protección é porque nela poden atoparse case 700 especies animais e vexetais, entre elas máis cun dento de tipos de aves, sete especies de anfibios e 11 de mamíferos. E seis especies endémicas que só existen en Galicia, Asturias e o norte de Portugal, en cinco hábitats de conservación prioritaria segundo a Unión Europea. 

No mandato de Xulio Ferreiro elaborouse un Mapa da Biodiversidade para identificar esta riqueza biolóxica. Estableceuse un plan de segas que respecta a época de cría das especies animais, reguláronse os eventos públicos, mellorouse a sinalización e realizáronse campañas de educación ambiental. Tamén se avanzou na retirada de especies invasoras, coma a unlla de gato, en colaboración con entidades ecoloxistas. 

 

 

O o goberno local ten que rematar os trámites para protexer o espazo natural da Torre antes de que caduque a súa protección provisional