Saltar ao contido

Alberto Lema: “Non ten sentido recuperar a un xerente que xa foi cesado pola súa falta de transparencia no uso de fondos públicos e polos malos resultados”

A Marea Atlántica non acudirá á reunión da Xunta de Goberno do Consorcio, en protesta polas irregularidades do proceso para o cambio na xerencia


O grupo municipal da Marea Atlántica lamenta a decisión de contratar a Moisés Naranjo como responsable do Consorcio de Turismo do Concello da Coruña, xa adiantada polos medios de comunicación, porque supón “un paso atrás para o sector, un regreso aos tempos do vazquismo, e tememos que poña en risco os avances dos últimos anos, e xorde dun proceso irregular”, en palabras do concelleiro Alberto Lema. 

Lema, representante da Marea Atlántica no Consorcio de Turismo, non acudirá mañá á reunión da Xunta de Goberno deste organismo, en protesta pola falta de garantías do proceso para designar ao xerente, opaco, cun prazo de só oito días hábiles en xullo pensado para dificultar a presentación de candidaturas. De feito, só concorreron tres persoas Ademais, o proceso de valoración deixase en mans dunha consultora privada, deixando o Consorcio reducido a unha comparsa, da que non participaremos..

O grupo da Marea Atlántica xa pediu acceso a toda a documentación do proceso, no que se aprezan varias irregularidades. Non só foi externalizada a valoración de candidaturas, senón que non se publicaron listas provisionais nin houbo período de subsanación de erros. 

“Naranjo xa estivo dez anos como xerente do Consorcio, unha etapa caracterizada pola parálise do organismo, os conflitos co persoal e a máis absoluta opacidade na xestión e administración dos recursos públicos”, resume o concelleiro. Cómpre lembrar que foi cesado en 2010 por Henrique Tello, polos constantes problemas derivados da súa xestión. 

A anomalía coruñesa: mellores resultados despois da crise

En canto a resultados, a enquisa de puntos turísticos do INE é clara. A Coruña obtivo as mellores cifras en canto a pernoctacións entre 2015 e 2019, sendo das poucas cidades do Estado que bateu marcas despois da crise de 2008 e non nos primeiros anos da década dos 2000, xusto cando Moisés Naranjo estaba á fronte do Consorcio. Do mesmo xeito, o aeroporto de Alvedro tamén obtivo marcas históricas de viaxes nos anos 2018 e 2019. 

Lembramos, unha vez máis, o erro que foi destituír a Lanzada Calatayud sen previo aviso e sen ter a súa substitución preparada. Ao longo de cinco desenvolveu o seu labor con profesionalidade e eficacia, aprobando o  Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, o último que tivo a cidade ata hoxe, e que apostaba por un turismo sustentable e de calidade. Foi decisiva, tamén na incorporación do Camiño Inglés entre A Coruña e Santiago de Compostela ao catálogo das Rutas Xacobeas. O seu nomeamento, ao contrario que o de Naranjo, chegou tras un concurso aberto, claro, con 35 candidaturas, e cun xurado do que non formaron parte cargos políticos. prime

O nomeamento de Moisés Naranjo ao fronte do Consorcio de Turismo é un paso atrás para o sector