Saltar ao contido

A cita, que reúne a máis de 200 participantes de 15 países, está prevista para a fin de semana do 24 de setembro, pero os trámites municipais atópanse paralizados tras o cese da xerente de Turismo, Lanzada Calatayud

Entre os convidados está Alberto Ginés, gañador da medalla de ouro de escalada nos Xogos Olímpicos de Toquio

A concelleira Claudia Delso entrevistouse co organizador do evento, o escalador coruñés Finuco Martínez, e reclama “que non se perda a oportunidade de manter a nosa cidade coma un referente dos deportes urbanos”


A concelleira da Marea Atlántica Claudia Delso reuniuse esta semana co organizador do festival de deportes urbanos Street Games, o escalador coruñés Celso Finuco Martínez, e advirte sobre o risco de que este evento internacional deixe de celebrarse na Coruña pola falta de interese do goberno de Inés Rey. “A cita estaba prevista para os días 24, 25 e 26 de setembro, pero a 17 de agosto non hai un só trámite realizado por parte do Concello. Pedímoslle ao PSOE que se implique e se poña a traballar para manter a nosa cidade coma un referente dos deportes urbanos”.

En 2019, o Street Games reuniu no Parrote a máis de 300 deportistas de 13 países, ante un público de 85.000 persoas. Participaron algunhas das figuras máis destacadas do mundo en disciplinas como a escalada en bloque, o parkour, o skate ou o psicobloc —unha modalidade de escalada sen cordas que se realiza directamente sobre o mar—. 

Este ano sería posible amosar varias das modalidades que se viron nos xogos olímpicos como o boulder e a escalada de velocidade, contando coa selección española de velocidade e co propio Alberto Ginés, medalla de oro en escalada nas Olimpiadas de Toquio, pero estes plans están no aire porque o Concello da Coruña non garante a súa implicación. Sen a seguridade de que o festival contará con todos os permisos e o apoio do Concello, non é posible garantir a súa celebración e este evento internacional podería marchar a outra cidade. 

O Street Games organizouse por primeira vez na Coruña en 2018, co nome de Street Stunts e no mandato da Marea Atlántica. Tivo unha segunda edición en 2019, xusto tras o cambio de goberno. A pandemia obrigou a suspender a convocatoria de 2020, pero estaba previsto retomala no próximo mes de setembro, con todas as garantías sanitarias e medidas de protección fronte á COVID. “Cónstanos que a anterior xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, estaba a impulsar a organización, pero quedou bloqueada tras o seu cese e ninguén a retomou a pouco máis dun mes das datas previstas”, explica Delso.

A necesidade de modernizar o rocódromo de Riazor

A concelleira quixo sinalar, tamén, que a escalada é un deporte con canteira e tradición na Coruña, onde contamos co primeiro rocódromo cuberto do Estado —grazas ao traballo de Finuco  Martínez e a Asociación de Montañeiros Independentes—. Pero estas instalacións precisan modernizarse e adaptarse para acoller competicións internacionais como as que se viron este ano nos Xogos Olímpicos de Toquio. 

O proxecto para a reforma do rocódromo está feito e conta con financiamento, grazas ao acordo que a Marea Atlántica asinou para aprobar os Orzamentos 2020 na Coruña, pero a licitación acumula xa un atraso difícil de explicar. Denunciámolo en xaneiro, e desde aquela non houbo ningún avance en absoluto.

O goberno local ten que apoiar a celebración do evento internacional Street Games antes de que marche da Coruña