Saltar ao contido

A Marea Atlántica condena o asasinato machista de Ourense “onde unha vez máis fallaron todos os controis preventivos”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía , Xulio Ferreiro, considera que “os poderes públicos non están poñendo todo o seu empeño en rematar con esta lacra” A número dúas da lista de unidade popular, Rocío Fraga, asegura que “os asasinatos son a mais brutal expresión do patriarcado”

 

A Marea Atlántica condenou o asasinato machista cometido este venres en Ourense e que acabou coa vida de Isabel Fuentes. O candidato da iniciativa cidadá á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, declarou ao respecto que “unha vez máis fallaron todos os controis preventivos, e temos que lamentar unha nova muller vítima de violencia machista. Os poderes públicos deberían estar poñendo todo o seu empeño en rematar con esta lacra, deixándose de boas palabras e intencións, e poñendo dunha vez os medios xurídicos e económicos necesarios. As cifras son demoledoras. Unha soa muller morta a mans da súa parella xa é máis do que a sociedade debería tolerar”. Ferreiro é profesor de dereito procesual e ten impartido conferencias sobre a lexislación contra a violencia de xénero.

Pola súa parte, a número dous da lista da Marea, Rocío Fraga, asegurou que “a violencia machista é unha das consecuencias do patriarcado imperante na nosa sociedade, do que os asasinatos son a súa mais brutal expresión, esa punta de iceberg que leva baixo si outras mostras cada vez mais habituais da violencia que sofremos as mulleres, que como neste caso son asasinadas porque hai homes que as consideran da súa propiedade e se senten lexitimados a acabar coa súa vida”. “A muller asasinada en Ourense non obtivo as medidas de protección necesarias porque alguén decidiu que non as precisaba, xa que non puido denunciar ao seu home pola brutal agresión sufrida hai un mes, estaba en coma, e non se actuou de oficio para protexela. Desde a Marea cremos que hai que hai que tomar medidas contundentes parar este feminicidio, educar en valores de igualdade, desde as crianzas ate as persoas adultas a través de todas as ferramentas dispoñibles”, engadiu.

A Marea apoia a convocatoria contra a violencia machista que terá lugar o sábado 9 no Obelisco ás 20.00 horas.

Condena ao asasinato machista de Ourense