Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “O que nun sitio se chama Bankia, noutro chámase Caixa Galicia; o que nun sitio é Gürtel noutro é Pokémon; pero o PP é PP en todas as partes”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía chamou a “desaloxar á minoría que goberna para a minoría” nun multitudinario acto no centro de Madrid xunto a outras plataformas cidadás no que o representante coruñés afirmou que “xa é unha vitoria o desafío que lle estamos lanzando aos maiordomos do 1%”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, participou nun multitudinario acto na praza do Museo Reina Sofía de Madrid xunto aos cabezas de lista doutras plataformas cidadás de todo o Estado, como Barcelona en Comú, de Ada Colau, Ahora Madrid, de Manuel Carmena, Málaga Ahora, Zaragoza en Común e Terrassa en Comú, nun debate que moderou a xornalista Olga Rodríguez.

Sobre o escenario, Xulio Ferreiro indicou que a todas as candidaturas alí presentes as une “unha orixe común, malia as diferencias territoriais, que está en Nunca Máis ou no 15-M, tamén nas loitas polo dereito á vivenda. Padecemos problemas comúns: o que nun sitio se chama Bankia no meu chámase Caixa Galicia; o que en Madrid dise Gürtel, na Coruña dise Pokémon. Porque o PP é o PP en todos os sitios, malia que haxa moitos candidatos que intentan agochalo”. “E por suposto, estamos unidos polo feito de que non nos conformamos, que imos defender os nosos dereitos e desaloxar á minoría que goberna para unha minoría”, engadiu o candidato da plataforma cidadá. “É xa unha vitoria que chegaramos até aquí; é xa unha vitoria a unidade popular; é xa unha vitoria que na Marea 300 persoas ofrecesen as súas achegas económicas para facer unha boa campaña sen deberlle nada aos bancos; é unha vitoria que haxa decenas de coruñesas e coruñesas preparándose no local da Marea para pegar carteis mañá; xa é unha vitoria o desafío que lle estamos lanzando aos maiordomos do 1%”, asegurou Ferreiro, que finalizou dicindo que “gañar só será o principio; isto xa non hai quen o pare”.

Durante o acto, a candidata de Ahora Madrid, Manuela Carmena, reivindicou as loitas históricas polas liberdades e o poder da palabra “utopía”. Pola súa parte, Ada Colau, cabeza de lista de Barcelona en Comú, lembrou que a todas esas plataformas cidadás “compartiron a indignación contra o saqueo do público e agora aquí estamos, dispostos a gañar”.

Agora en común. Unha conversa multitudinaria