Saltar ao contido

Hai, como mínimo, 55 fogares con dereito á Renda Social Municipal que non a están a cobrar: cos nosos votos garantiremos que se aproben os fondos necesarios para resolver os impagos

Avisamos do problema en xuño, pero os trámites comezan 97 días despois da toma de posesión de Inés Rey, e 27 días desde que denunciamos os primeiros problemas no cobro das prestacións

O grupo municipal da Marea Atlántica celebra que, por fin, comece a tramitación do modificativo de crédito necesario para pagar os atrasos pendentes na Renda Social Municipal. Hoxe aprobouse en Xunta de Goberno Local este trámite, que tamén achega fondos para as axudas de emerxencia. Chega 96 días despois da toma de posesión de Inés Rey, e 27 días despois de que a Marea Atlántica dese a voz de alarma ao detectar os primeiros impagos. Agardamos que se leve a Pleno coa maior brevidade.

Segundo os datos do propio goberno local, nestes momentos hai, como mínimo, 55 fogares que non estar a cobrar a Renda Social Municipal, a pesar de que teñen recoñecido o dereito e dependen dela para fuxir da exclusión. Un día de atraso é moito para as persoas máis vulnerables. A demora que chegou a sumar a concelleira de Servizos Sociais é dificilmente xustificable. Celebramos que a demora estea a piques de rematar, e confiamos en que os 417.000 euros que se van sumar á Renda, e os 240.000 ás axudas de emerxencia, sexan suficientes para evitar novos atrasos nos pagos.

Os deberes, a última hora

Lamentamos, non obstante, que a Xunta de Goberno Local fose convocada de urxencia e con menos de 3 horas de antelación, en lugar das 48 horas habituais. O goberno local amosa incapacidade de traballar coa previsión necesaria, especialmente cando sabe desde o mes de xuño que era necesario incrementar os fondos para as axudas sociais.

Tanto no traspaso de poderes como nas negociacións co PSOE puxemos sobre a mesa que non existían recursos suficientes para garantir o pago da Renda Social e das axudas de emerxencia. É un dos prezos a pagar polo bloqueo dos Orzamentos 2019, consumado polo PSOE e o PP en febreiro.

Garantimos o noso apoio no Pleno

Como xa anunciamos, garantiremos cos nosos votos que rematen os atrasos na Renda Social Municipal. Do mesmo xeito que apoiaremos os puntos do modificativo que incorporan investimentos pendentes dos fondos DUSI, conseguidos durante o anterior mandato, como é o caso do reforzo da rede de Bicicoruña. Estudaremos ao detalle as baixas e o resto das altas, para valorar a súa idoneidade.

Celebramos que o goberno comece, por fin, a solucionar os atrasos na Renda Social