Saltar ao contido

A Marea Atlántica estreou hoxe este formato de encontros coa cidadanía, destinado a escoitar de primeira man as súas demandas e trasladalas a María Pita

As concelleiras do grupo municipal da Marea Atlántica inauguraron hoxe no centro cívico de Palavea os encontros Rede de Barrio, pensados para dar a cara ante a veciñanza e coñecer de primeira man as súas demandas. Boa parte das intervencións da cidadanía reclamaron melloras na mobilidade neste barrio do quilómetro cero da Coruña, e un cambio de modelo que poña no centro o transporte público e o desprazamento a pé fronte ao vehículo privado.

Na Semana Europea da Mobilidade, a nosa voceira municipal, María García, sinalou que desde o goberno apoiamos xeitos de moverse non contaminantes e saudables, “como xeito de mellorar a calidade de vida e loitar contra o cambio climático, o que desde logo non é compatible con instalar un concesionario de coches no Obelisco, como o que estamos a ver estes días”. Na mesma liña, Xiao Varela lembrou que nos últimos catro anos houbo unha aposta por coidar o espazo público para os peóns, ao tempo que se duplicaron os quilómetros de carril bici (de 17 a 35). “Tamén baixamos o billete do bus por primeira vez en décadas, e xa se notan os resultados: entre xaneiro e maio deste ano houbo 400.000 viaxes máis no transporte público”.

Palavea1Un exemplo deste compromiso verase nos vindeiros días, coa chegada do bus 24 ás urbanizacións da Zapateira, resultado do traballo do goberno anterior e dun convenio asinado en maio deste ano por Xulio Ferreiro. No barrio de Palavea tamén se viron avances nos últimos anos, como a conexión segura con Santa Xema, Peñarredonda e as paradas de bus, a renovación de pasos de peóns e a creación de novas beirarrúas, para que camiñar polo barrio non sexa un risco.

Desde o noso traballo de oposición, tentaremos que o goberno do PSOE da Coruña non dea pasos atrás en materia de mobilidade. De feito, no acordo que asinamos para o inicio do mandato, quedan os compromisos de seguir ampliando o carril bici e introducir novos descontos no billete do bus para menores de 25 e maiores de 65, aclarou Xiao Varela. Será un bo comezo, pero non poden ser as únicas medidas en mobilidade. Quedou pendente, sobre todo, renovar o mapa de liñas de bus, deseñado nos anos 80 para unha cidade moi distinta da actual, polo que “convidamos ao Partido Socialista a aproveitar o traballo que adiantamos no anterior mandato e renovar as liñas de bus con traxectos máis axustados, mellores frecuencias, e mellor servizo aos barrios”, indicou Varela.

Cara a cara coa cidadanía

María García explicou que o obxectivo desta Rede de Barrio, que se organizará periodicamente nos centros cívicos, é “dar a cara ante a veciñanza, para trasladar ás súas demandas ao noso traballo en María Pita”. A voceira municipal da Marea Atlántica engadiu que “seremos unha oposición crítica cos erros, pero fuxiremos do bloqueo que vivimos no anterior mandato, e que ao final lle pasa factura a toda a cidade”.

García lembrou que o Dillo Ti, inaugurado en 2016 polo goberno de Xulio Ferreiro, era “unha gran práctica de democracia directa, que levaba ao goberno a render contas ante a cidadanía”, e sinalou que “é unha mágoa que o PSOE o elimine porque prefire falar dentro dos despachos”. En todo caso, “a Marea Atlántica non vai perder o contacto nin cos barrios nin coa xente, de aí que inauguremos este formato de encontros”.

Os nosos salarios non subiron

Palavea3Pola súa banda, o vicevoceiro municipal Iago Martínez, respondeu as preguntas da veciñanza sobre a suba de salarios no Concello, e sinalou que “Inés Rey cobra un 40% máis que Xulio Ferreiro, e esa foi a suba media que se aplicaron en todas as áreas de goberno”. No caso do grupo da Marea Atlántica, pola contra, “mantéñense os límites do Código Ético, cun salario máximo de 35.000 euros anuais: doamos os excedentes para dedicalos a traballo político e social”.

 

A veciñanza de Palavea reclama mobilidade sostible na Rede de Barrio