Preguntarémoslle ao goberno polos motivos que levaron a retirarlle o apoio nas horas de comedor, co que si contaba no curso anterior, segundo denuncia a ANPA do centro
O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia o Concello da Coruña retiroulle o apoio no servizo de comedor a un menor cun trastorno do espectro autista durante as horas de comedor, alumno do CEIP Ramón de la Sagra. Sen motivo e sen previo aviso, o goberno municipal non renovou neste novo curso escolar a axuda que este menor precisa e coa que contaba anteriormente.
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, o covoceiro, Iago Martínez, e a concelleira Silvia Cameán reuníronse hoxe con representantes da ANPA do CEIP Ramón de la Sagra, para coñecer de primeira man o caso. Comprometéronse a preguntar ao Partido Socialista polos motivos para deixar sen atención a un alumno con necesidades especiais. Instamos, ademais, ao conselleiro de Educación, Jesus Celemín, a reunirse coa ANPA, que o solicitou o 6 de setembro.
Programa Poténciate
No anterior mandato, o goberno da Marea Atlántica puxo en marcha o programa Poténciate, que ofrece unha bolsa de horas para dar cobertura ás necesidades de reforzo educativo nos centros públicos de ensino e nos centros cívicos, sempre difíciles de cubrir cos minguantes orzamentos da Xunta neste eido.
A través deste programa, o Ramón de la Sagra recibía os recursos para darlle o debido apoio ao menor, solicitado pola ANPA e concedido polo servizo municipal de Educación. É un xeito de fomentar a equidade e a inclusión no ensino público, e de ofrecerlle a todas as persoas as mesmas oportunidades, combatendo o fracaso escolar.
A situación deste menor mellorou moito durante a etapa na que tivo apoio para asistir ao servizo do comedor do colexio, algo para o que a maioría das persoas con autismo precisan asistencia. É fundamental para mellorar as súas habilidades sociais, o seu benestar físico e emocional, e reducir a ansiedade ante a comida. En resumo, para mellorar a súa calidade de vida e a de toda a súa familia.
O goberno municipal non pode desentenderse
A resposta do Concello da Coruña chegou a través dunha nota de prensa na que se desentende do problema, empregando información falsa para xustificarse. Non é certo que o programa Poténciate non quedar contratado para o presente curso. Existe un contrato en vigor para o ano 2019, e no traspaso de poderes, entrégouselle ao concelleiro Jesús Celemín o contrato para o ano 2020, que xa está en licitación.
Tampouco é certo que non poida usarse para outras funcións distintas do reforzo educativo. De feito, a bolsa de horas que estaba a ofrecerlle apoio a este alumno creouse especificamente para estas tarefas. E o apoio foi solicitado e aprobado pola directora do colexio Ramón de la Sagra.
O único certo é que dar apoio a menores con necesidades especiais é competencia da Xunta de Galicia, pero se o goberno de Feijóo non fai o seu traballo, o Concello pode e debe cubrir esta necesidade. Fíxose no anterior mandato neste caso concreto, ao igual que se asumiron numerosas obras en centros de ensino. Jesús Celemín ten que asumir que agora forma parte do goberno da Coruña, e a súa obriga é dar solucións á veciñanza, non poñer escusas.