A candidatura Municipalistas, formada por 8 mulleres e 5 homes, conta coa presenza de Xulio Ferreiro, responsable de Relacións Políticas, e varios integrantes do grupo municipal
Diego Jiménez e Inés Cebreiro postúlanse para compartir a voceiría paritaria da organización
Unha lista de consenso opta a renovar a Coordinadora da Marea Atlántica, o órgano que se ocupa da xestión diaria da organización. A lista, denominada “Municipalistas”, foi a única que se presentou ao remate do prazo previsto, ás 23.59 do 17 de xaneiro Está formada por 8 mulleres e 5 homes, e conta coa presenza do ex alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. O órgano complétase con dous postos natos, reservados para as voceiras da Marea Atlántica no Concello, María García, e na Deputación, Alberto Lema.
Esta candidatura, avalada tamén polo órgano de arbitraxe, conta cos nomes de Xulio Ferreiro, Claudia Delso, Iago Martínez, Beatriz González de Canales, Luis Hernández, Stephanie Ordóñez, Sabela Rivas, Lola Ponte, Antía Paz, Daniel R. Cao, Gema Rivera, Diego Jiménez e Inés Cebreiro. Diego e Inés foron, ademais, propostos para compartir a portavocía paritaria da Coordinadora.
As persoas presentadas pola candidatura “Municipalistas” á Coordinadora están organizadas segundo as seguintes áreas ou responsabilidades: Xulio Ferreiro asumirá o labor de Confluencia e Cohesión do espazo, Lola Ponte terá asignadas funcións de Xustiza Social e Benvidas, Daniel R.Cao e Beatriz González de Canales serán os encargados da área de Comunicación Interna, Antía Paz a responsable de Comunicación externa e Argumentario, Sabela Rivas e Inés Cebreiro en Feminismos, Stephanie Ordóñez en Ecoloxismo, Diego Jiménez en Movementos Sociais e Sociedade Civil, Gema Rivera en Territorio, Luis Hernádez en Mediación e Transparencia, Claudia Delso en Dinamización e formación e Iago Martínez en Relación coas Institucións. Este reparto de responsabilidades correspóndese coas áreas de traballo desenvolvidas pola Coordinadora saínte.
Tras a súa presentación oficial, a candidatura deberá de ser referendada pola Rede, máximo órgano de toma de decisións da Marea Atlántica, que se reunirá nos vindeiros días. De producirse o apoio da Rede, o mandato desta nova Coordinadora terá unha duración de dous anos.