Desde 2011, o goberno galego incumpre o compromiso de destinarlle un mínimo de 3 millóns de euros ao Consorcio de Promoción da Música, poñendo en perigo á OSG
O grupo provincial da Marea Atlántica levará ao pleno da Deputación da Coruña unha moción para reclamarlle á Xunta o investimento que lle debe á Orquestra Sinfónica de Galicia desde 2011, por incumprir sistemáticamente os seus compromisos co Consorcio da Promoción da Música. A débeda acumulada supera os cinco millóns de euros.
En 2004, o Concello da Coruña mudou os estatutos do Consorcio para incorporar á Xunta e implicala na xestión e promoción da Sinfónica. Ambas institucións asinaron un acordo no que o goberno galego se comprometía a non destinar nunca menos de 3 millóns para a orquestra.
En 2011, a Xunta rompe ese acordo e reduce a súa achega ata os 2,5 milóns faltando desde entón á súa obriga coa Orquestra Sinfónica, “causándolle un grave prexuízo e ameazando á súa continuidade”, segundo indica o texto.
Nos últimos cinco anos, estas foron as cantidades destinadas polas administracións autonómica e local:
- Ano 2015: Concello, 3,42 millóns. Xunta, 2,16 millóns.
- Ano 2016: Concello, 3,97 millóns. Xunta, 2,23millóns.
- Ano 2017: Concello, 3,57 millóns. Xunta, 2,56 millóns.
- Ano 2018: Concello 3,57 millóns. Xunta, 2,56 millóns.
- Ano 2019: Concello 3,57 millóns, Xunta, 2,62 millóns.
No texto, lémbrase que “a importancia da OSG para a difusión, coñecemento e goce da música clásica na nosa sociedade non pode ser esaxerada”, sinalando que ata 20.000 escolares ao ano visitan cada xoves os seus ensaios, e que os seus concertos dos venres e os sábados reúnen a unha media de 2.000 persoas. A isto hai que sumarlle o “importante labor formativo no que participan tanto os 79 profesores da Primeira Orquestra, como outros tantos mozos e mozas da Orquestra Xove e o mesmo número de nenas e nenos do Coro Infantil”.
Por todo isto, a moción busca o acordo dos grupos con presenza da Deputación da Coruña para instar á Xunta de Galicia a saldar as súas débedas co Consorcio da Música e a manter, no futuro, o investimento fixado no convenio de 2004.