Nunha decisión totalmente restritiva, a alcaldesa bloquea que se debata e se vote a emenda da Marea Atlántica para estender a protección do bordo litoral contra a especulación
Instamos á alcaldesa a rectificar e permitir que o Pleno trate a proposta de suspender as licenzas en Labañou e O Portiño. O contrario sería fondamente antidemocrático
A voceira da Marea Atlántica, María García, denunciou hoxe que Inés Rey está a bloquear a emenda presentada polo noso grupo municipal para estender a suspensión de licenzas de construción a Labañou e O Portiño. “Nunha auténtica cacicada, Inés Rey trata de impedir que o Pleno vote parar o pelotazo de Percebeiras. Non hai ningún motivo legal ou urbanístico que o impida, pero a alcaldesa tenta facelo retorcendo o regulamento municipal”.
Como explica García, Inés Rey decidiu, de xeito arbitrario, impedir que se debata e se vote a emenda que presentou a Marea Atlántica para ampliar a proposta do goberno de suspender as licenzas entre Oza e a Pasaxe. Unha proposta boa que pode facerse mellor, cos mesmos argumentos, estendendo esa protección a Percebeiras, O Portiño e os polígonos que limitan con Culleredo. Iso é o que pretende a nosa emenda, pero foi rexeitada sen motivo claro, sen informe escrito do secretario do Concello e dun xeito nunca visto nos últimos anos.
No mandato de Xulio Ferreiro chegaron a facerse emendas de viva voz. E xa co PSOE na Alcaldía, nos últimos modificativos de crédito, presentáronse durante o propio Pleno, sen informes. Fíxoo tanto a oposición como o goberno, e nunca houbo problemas para admitilo.
Débelle algo a Metrovacesa?
“Estamos ante unha cacicada escandalosa, que pretende evitar o debate sobre Percebeiras e amparar un pelotazo urbanístico sen que se poida cuestionar no Pleno. A nosa proposta é xurídica e politicamente incontestable, e por iso Inés Rey quere ocultala. Preguntámonos que lle debe a Metrovacesa, a construtora propietaria desta parcela, para actuar así, e de que ten medo”, conclúe García.
Ao non haber rexeitamento escrito aínda, manteremos a emenda e instamos á alcaldesa a rectificar e permitir que se debata. O contrario sería unha vulneración de dereitos e unha decisión fondamente antidemocrática.