Saltar ao contido

Propoñemos estender o proxecto do goberno municipal para revisar o PXOM nas Xubias a outras zonas ameazadas da costa. “Non facelo sería ter unha dobre vara de medir ao gusto das inmobiliarias”, afirma María García

Cos mesmos criterios legais e urbanísticos, é posible parar o pelotazo en Labañou, se hai vontade política. Este xoves debaterase e votarase no Pleno 


A voceira da Marea Atlántica, María García, rexistrou hoxe unha emenda ao proxecto do goberno municipal para suspender as licenzas de construción entre Oza e a Pasaxe, coa intención de amplialo a Percebeiras, O Portiño e a fronteira con Culleredo, na procura dunha protección máis ampla do bordo litoral. “A proposta do goberno é boa, tanto que consideramos que debe ir máis alá e aplicarse, cos mesmos criterios, a outras zonas ameazadas da costa. Non facelo sería ter unha dobre vara de medir, ao gusto das inmobiliarias”, salientou.

A emenda recolle que non hai ningún motivo, nin legal nin urbanístico, para non levar a suspensión de licenzas e os futuros cambios no PXOM a Percebeiras (PE M18 Labañou), co dobre de aproveitamento tipo previsto que na Ría do Burgo, e a outras zonas igualmente sensibles. É o caso do SUD-1 do Portiño e dos polígonos da API S35 situados máis alá da Ponte da Pasaxe (RB7, RB8 e RB9).

“Nunha cidade con 20.000 vivendas baleiras, con barrios aínda por desenvolver e cun grave déficit de espazos abertos e zonas verdes, non ten sentido entregarlle o bordo litoral á especulación, comezando por Percebeiras”, sinala María García. 

Percebeiras reúne as condicións para a paralización

A emenda explica tamén que o cambio urbanístico en todas estas áreas, tamén en Labañou, pode levarse a cabo sen ningún obstáculo, por dous motivos. Primeiro, porque os promotores incumpriron os prazos previstos no PXOM para o cumprimento dos seus deberes urbanísticos. E segundo, porque ningún dos plans de desenvolvemento está aprobado de xeito definitivo. 

Esta emenda será debatida e votada no Pleno deste xoves, xunto a proposta orixinal do goberno do PSOE. Por coherencia e protección do ben común, agardamos que sexa aprobada pola maioría da Corporación. 

Este xoves, podemos parar o pelotazo en Percebeiras