Saltar ao contido
Grafitti dunha mascariña

Protexer a saúde é o primeiro, pero non pode ser o único. Sectores como a hostalería, hoxe abocada de novo ao peche pola Xunta, teñen milleiros de empregos en xogo e cero apoios 

O Concello da Coruña debe estar á altura e tramitar canto antes as axudas á empresas pola pandemia. Só se pagaron o 2,8% en catro meses. Hai 3.700 pendentes

 

A Marea Atlántica lémbralles á Xunta e ao Concello da Coruña que deben darlle resposta á cidadanía e ofrecer compensacións por cada medida restritiva necesaria para conter a pandemia. Estamos de acordo en que protexer a saúde é o primeiro, pero non pode ser o único. As consecuencias das restricións están a ser moi duras para o conxunto da sociedade, pero especialmente para as persoas máis vulnerables. E as administracións teñen que estar á altura. 

Unha vez máis ordénase o peche da hostalería, esta vez desde a Xunta, deixando a milleiros de persoas sen traballo e sen apoio de ningún tipo. As promesas non valen, precísanse axudas xa. Da Xunta e do Concello da Coruña que, con toda a súa propaganda segue sen pagalas.

O Concello da Coruña abriu hai catro meses, co apoio de toda a Corporación, varias liñas de axuda para pemes e autónomos afectadas pola pandemia. Recibiu unhas 3.800 solicitudes, e só pagou 107, o 2,8%. Esixímoslle ao goberno municipal que as axilice, pois de nada lle servirán aos negocios pechados. 

 

Cultura e transporte público

A cultura volve ser golpeada de novo, sen alternativas de ningún tipo para un sector xa moi danado por esta crise. Representa o 3% do PIB en Galicia, non pode ser ignorado. Como levamos meses facendo, reclamamos un Plan de Choque Cultural que ofreza o necesario rescate. 

No caso do transporte público, benvidas as limitacións de aforo, hai tempo que son necesarias. Pero teñen que vir acompañadas de máis frecuencias e un reforzo do servizo. Non castiguemos o uso do bus, a única alternativa de desprazamento para moitas persoas na Coruña e en Galicia. 

Nesta constante improvisación de medidas, hai unha que Feijóo sempre esquece. A de reforzar a sanidade, comezando pola Atención Primaria. A de poñer solución ao atasco da atención telefónica e no tratamento das doenza comúns. A de eliminar os recortes.

Son necesarias compensacións urxentes para os colectivos afectados polas medidas restritivas contra a pandemia