Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Por medio dun recurso de reposición, reclamamos tamén que lle devolva ao Concello o que cobrou de máis polo seu nomeamento irregular

María García: “Xa dixemos que a fichaxe dunha tránsfuga era unha mala idea que rebaixou a altura política do Concello da Coruña. Pero tamén é ilegal. Inés Rey debe rectificar”

O grupo municipal da Marea Atlántica presentou hoxe un recurso de reposición no Concello da Coruña, solicitando que se anulen os decretos relacionados co nomeamento da tránsfuga Mónica Martínez como concelleira de Deportes. Son contrarios ao Pacto Antitransfuguismo e á Lei de Bases de Réxime Local. Solicitamos, tamén, que devolva o soldo que cobrou de máis por este nomeamento irregular. 

A nosa voceira, María García, lembrou que “desde o comezo sinalamos que a fichaxe dunha tránsfuga era unha mala idea que rebaixou a altura política do Concello da Coruña e un signo de debilidade. Pero tamén é ilegal. Por medio deste recurso pedímoslle a Inés Rey que recapacite pero, se non o fai, en función da súa resposta, chegaremos ata onde sexa necesario e polas vías que sexan precisas”. 

“Durante meses estívose a xestar unha operación de transfuguismo entre o PSOE e a concelleira Mónica Martínez, unha concelleira que se presentou por Ciudadanos, o partido do trío de Colón, que goberna en Madrid con Ayuso e en Andalucía co apoio da ultradereita”, explicou García. O 1 de xuño Mónica Martínez abandonou o partido polo que se presentou ás eleccións, traizoando ás 7.000 persoas que votaron pola súa lista, e o 1 de setembro entrou a formar parte do goberno municipal. Daquela fixemos unha valoración que mantemos. 

Con este nomeamento, o goberno municipal xira á dereita, incorpora a unha tránsfuga representante dos intereses das grandes inmobiliarias, non resolve os problemas de xestión dun goberno feble e en minoría, e dificulta as relacións cos grupos que apoiamos a investidura de Inés Rey e todos os acordos que permitiron a gobernabilidade ata agora. Pero é que ademais de ser unha pésima decisión política, a incorporación da concelleira tránsfuga de Cs é ilegal.

Consecuencias xurídicas

Tal e como recolle o noso recurso de reposición, a baixa de Mónica Martínez de Ciudadanos debeu levar á disolución automática do Grupo Mixto, xa que o Regulamento Orgánico Municipal establece que todos os grupos, incluído o mixto, deben estar formados por representantes de organizacións políticas. 

A concelleira Martínez debe ter, indiscutiblemente, a condición de “non adscrita” o que impide, tamén, que o seu soldo varíe. Mónica Martínez tiña unha dedicación de seis horas e un salario de 44.000 euros, que subiu a 60.000 co seu nomeamento irregular como concelleira de Deportes. Pedímoslle que reintegre ao Concello o que está a cobrar de máis. 

En palabras de María García, “é tremendo ver como, mentres o PSOE fala de reactivar o Pacto Antitransfuguismo desde o Goberno do Estado, e mentres en Ourense perde gobernos a mans de tránsfugas incitados pola familia Baltar, o PSOE da Coruña sitúase no lado contrario e o que fai é sumar tránsfugas ás súas filas”.

 

Un goberno paralizado, incapaz ata de elaborar Orzamentos

Na Coruña estamos ante un goberno en permanente reestruturación, que o único que fixo nos últimos tempos foi incorporar a unha tránsfuga e recolocar pezas para disimular a súa propia incapacidade. Un xiro á dereita que se afasta da maioría progresista do Pleno, a mesma que fixo alcaldesa a Inés Rey. E a decisión de prorrogar os orzamentos confírmao.

María García argumentou que “é incrible que no medio dunha pandemia e unha crise que só está empezando a despregarse, o PSOE renuncie a aprobar uns orzamentos adaptados a esta grave situación. A tres meses de rematar o ano, e sen ter a primeira conversa cos grupos que fixemos posible a investidura nin elaborar sequera un proxecto, Inés Rey tira a toalla e desiste de gobernar, contravindo a propia lexislación en materia de facendas locais. E a única responsabilidade é súa. Cada quen ten a súa estratexia política, pero o respecto á legalidade é básico”. 

“Usar a crise e o descenso de ingresos como escusa é perverso. Porque é xustamente esa crise a que fai necesario adaptar o Orzamento á nova realidade. E porque poden prorrogarse as contas, pero non os convenios coas entidades sociais, e tampouco boa parte das axudas que precisarán moitas persoas desta cidade. É unha decisión irresponsable, que amosa incapacidade de gobernar”, conclúe a nosa voceira.

Reclamamos que se anule o nomeamento da tránsfuga Mónica Martínez como concelleira de Deportes