Os contratos a dedo do segundo trimestre medran un 18,4% con respecto ao mesmo periodo de 2019
O importe medio destas facturas sube un 97,1% desde o segundo trimestre do ano pasado
O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que o goberno do PSOE continúa a dar pasos atrás en transparencia e incrementa unha vez máis os contratos menores no Concello. A contía deste tipo de contratos, os máis opacos entre os permitidos pola lei, medrou un 18,4% no segundo trimestre de 2020 con respecto ao mesmo período do ano anterior. E o seu importe disparouse un 97,1%, ate os 3.671,97 euros.
Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e representante na Comisión de Facenda, sinala que “en total, entre abril e xuño acumuláronse 1,67 millóns de euros en 456 contratos menores. É unha das maiores cantidades dos últimos anos”. Este tipo de contratación faise a dedo, sen concurso público, e desde a Unión Europea recomendan reducir o seu uso para fomentar a transparencia. O PSOE fai xusto o contrario.
O incremento dos contratos opacos é constante desde que goberna Inés Rey. No segundo semestre de 2019 sumou 3,2 millóns de euros, un 8,7% máis que durante os primeiros seis meses do ano, antes das eleccións municipais. E no primeiro trimestre de 2020 a suba foi do 13,4%.
A falta de transparencia percíbese tamén no portal ondevanosmeusimpostos.coruna.gal, unha ferramenta de información orzamentaria para a cidadanía que puxo en marcha o goberno da Marea Atlántica e que permanece sen actualizar desde o cambio de goberno.
Desaparecen os Orzamentos Participativos
A participación cidadá e a calidade democrática tamén están en permanente retroceso desde que goberna o PSOE. A última demostración é a desaparición dos Orzamentos Participativos en 2020, anunciada a través dunha resposta escrita á Marea Atlántica. É unha decisión tomada antes do anuncio de que o goberno municipal renuncia a impulsar uns novos orzamentos para 2021, e xustificada con argumentos que nada teñen que ver con esta lamentable e irregular decisión.
En todo caso, a prórroga das contas de 2020 non impide convocalos. Poderían realizarse igual as votacións, e incluír os proxectos gañadores a través de modificativos de crédito. Pero, en lugar diso, o PSOE escolle eliminar unha política de participación cidadá. E incumprir outro dos puntos do acordo de investidura asinado entre coa Marea Atlántica.
Nada máis entrar en María Pita, Inés Rey decidiu que os orzamentos participativos non eran unha prioridade, a pesar de contar xa con implantación entre a veciñanza. Convocou a edición de 2019 a desgana, acurtando as fases de apoio e votación, ante a protesta de varias entidades veciñais. E agora, tras recortalos, decide eliminalos.
Córtase así unha ferramenta de democracia directa, afondando no estilo da señora Rey, que é falar moito de diálogo e non dialogar nada, nin coa oposición, nin coas entidades, nin coa veciñanza de xeito directo. Pedímoslle que rectifique.