No vindeiro Pleno, reclamarémoslle ao goberno local que resolva a convocatoria e abra as hortas canto antes, para non prexudicar á comunidade das EcoHortas xusto na principal época de plantar
María García: “A Concellería de Medio Ambiente volve amosar que ten serias dificultades para avanzar nos proxectos iniciados”
A Marea Atlántica realizará un rogo oral no vindeiro Pleno, mañá xoves 5 de maio, para reclamarlle ao goberno local que proceda a adxudicar definitivamente as hortas urbanas da Coruña, para que a veciñanza poida gozar delas cando é o tempo de plantar os cultivos de verán. A convocatoria para solicitar unha parcela publicouse no BOP o 10 de febreiro, e as listas provisionais de persoas adxudicatarias coñécese desde o 4 de marzo, pero dous meses despois non hai novas da lista definitiva.
Deste xeito, as máis de 300 parcelas dispoñibles están baleiras e sen uso: 117 parcelas na Agra do Orzán, 81 en Eirís, 36 en Novo Mesoiro e 84 no parque Adolfo Suárez. A paralización coincide xusto no mes de maio, na mellor época do ano para o cultivo, cando deberían estar a pleno rendemento.
Como lembra a nosa voceira, María García, “esta demora evidencia novamente as serias dificultades da Concellería de Medio Ambiente para avanzar nos proxectos xa iniciados, xa sexan as Ecohortas, o novo contrato de mantemento de xardíns, a planta de Nostián, ou as políticas de benestar animal, entre outros. Este retroceso é moi preocupante.”
García insiste en que “as hortas urbanas non son só espazos de lecer e de biodiversidade: son espazos de encontro e creación de comunidade. Tamén producen alimentos de quilómetro cero para o autoabastecemento de moitas familias”, polo que “a administración debería ser máis sensible e non dilatar prazos.
Un modelo para unha Coruña máis verde
O modelo das Eco Hortas foi implantado no mandato de Xulio Ferreiro, con moi boa acollida entre a veciñanza. Non só ofreceron unha alternativa de lecer saudable, tamén fan unha cidade máis verde e axudan a frear o impacto do cambio climático.
A rede de hortas urbanas da Coruña foi financiada con fondos europeos do programa Urbact III, e sumáronse a un proxecto de intercambio experiencias e boas prácticas de agricultura urbana, xunto Roma (Italia), Vilnus (Lituania), Cracovia (Polonia), Tesalónica (Grecia), Caen (Francia) e Loures (Portugal). Tamén foron recoñecidas co VIII Premio de Boas Prácticas Locais polo Clima da FEMP.