A poeta coruñesa foi unha voz pioneira, feminista e activista cultural adiantada ao seu tempo, polo que merece ser candidata ao Día das Letras de 2023

A Marea Atlántica rexistrou unha moción, para ser debatida no Pleno do 5 de maio, na que se procura apoio para a candidatura de Luísa Villalta a ser a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas do vindeiro ano. Recollemos a iniciativa de entidades culturais como as asociacións Suárez Picallo e Alexandre Bóveda, e procuraremos  apoio maioritario da Corporación para trasladarlle a proposta á Real Academia Galega. 

Luísa Villalta, nacida na Coruña en 1957, foi una voz pioneira do enfoque feminista na poesía galega, autora de catro libros que marcaron ás xeracións posteriores: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004), esta última xusto no ano da súa prematura morte. Cultivou practicamente todos os xéneros literarios, incluíndo o teatro, a narrativa, o ensaio e a tradución.

Dedicou tamén gran parte da súa vida profesional ao ensino da Lingua e Literatura Galegas en secundaria, sendo pioneira tamén na normalización lingüística do galego. Deu clase en Sada, onde puxo en marcha a  biblioteca do IES Isaac Díaz Pardo e do grupo de teatro deste mesmo centro así outras iniciativas como recitais e clubs de lectura.

Por todos estes motivos, Luísa Villalta ben merece a homenaxe de ter un Día das Letras Galegas dedicado á súa figura.

Homenaxe na investidura de Xulio Ferreiro

Lembramos, ademais, que cando Xulio Ferreiro tomou posesión como alcalde da Coruña, en xuño de 2015, asinou o libro de honra do Concello da Coruña con versos de Luísa Villalta, que tamén pronunciou no seu discurso de investidura. 

“Cidade tatuada na pétrea pel do mar
Se o Atlántico nos chama, nós imos navegar”