Tendémoslle a man ao goberno local para facer unha fronte común contra a venda do bordo litoral da Coruña
Pediremos acceso á documentación do porto e convocaremos á Comisión do Bordo Litoral para que o novo concelleiro de Urbanismo traslade a súa postura
A Marea Atlántica lamenta que a Autoridade Portuaria da Coruña teime en seguir a folla de ruta de 2004 e manteña a intención de vender os terreos portuarios de San Diego, nunha operación que pretende xustificar con prezos de fantasía. Segundo coñecemos hoxe pola prensa, a APAC encargou un estudo a unha empresa privada que multiplica maxicamente por dous o valor previsto para estes 168.000 metros cadrados, unha cifra completamente incrible: nin ten en conta os usos futuros deste terreos, nin o custo da súa adaptación e descontaminación.
A nosa voceira, María García, advirte que “esta taxación irreal non reflicte o valor dos terreos portuarios, senón o peso dunha débeda en condicións de usura, que lastra as contas da Autoridade Portuaria”. Por iso traslada “o noso total rexeitamento a este modelo, baseado na nostalxia da burbulla inmobiliaria”, e téndelle a man ao goberno local para “facer unha fronte común contra a venda do porto, nos termos xa aprobados varias veces no Pleno”. Agardamos unha resposta contundente por parte do executivo local, xa que estas manobras da Autoridade Portuaria ignoran por completo o seu proceso de traballo da man da Universidade da Coruña para definir os futuros usos dos peiraos.
García anuncia, ademais, que convocará a Comisión Especial do Bordo Litoral no Concello da Coruña, organismo que preside, para que o novo concelleiro de Urbanismo, Fran Díaz Gallego, poida trasladar a súa postura e dar a coñecer o acontecido no Consello de Administración da Autoridade Portuaria. Desde a Marea Atlántica, tamén pediremos acceso aos documentos sobre esta nova e irreal valoración dos terreos.
Neste contexto, volve quedar claro que non ten sentido destinar 15 millóns de euros dos orzamentos do Concello da Coruña para mercar terreos que xa son públicos en Calvo Sotelo e Batería, e que xa están a ter un uso público con concertos, exposicións e actividades diversas. Só serviría para xustificar que se repita a chantaxe cando chegue o momento de abrir á cidade os peiraos de San Diego.
Como xa temos sinalado, a única solución realista para o porto da Coruña é unha solución integral, incluíndo a condonación da débeda e a ordenación do conxunto dos peiraos, tendo claros os seus usos. O resto e xustificar un préstamo que o Estado mantén en condicións de usura (con intereses dez veces superiores aos do Banco Europeo de Investimentos) e repetir fantasías de 2004.