Saltar ao contido

Todos os gobernos municipais anteriores subiron o prezo do billete, mesmo nos peores momentos da crise, e nunca tiveron obstáculos para facelo. Agora, contra a cobiza, seguiremos adiante ata facer efectiva a baixada de tarifas.

Esta mañá chegou ao Concello unha providencia na que o xulgado contencioso-administrativo número 4 da Coruña sinala que “se ha de abstener de cualquier intervención” ata a resolución, por parte desta mesma sala, das medidas cautelares solicitadas pola empresa concesionaria do transporte público, a Compañía de Tranvías, contra a baixada de tarifas de bus. É por iso que a rebaixa do billete que estaba prevista entrase en vigor este venres 1 de febreiro non poderá aplicarse aínda. É así: en décadas, nunca houbo problemas para subir o billete do bus. Pero agora que toca baixalo, aparecen os obstáculos.

O Concello debe acatar as indicacións do xulgado que, en todo caso, non se refiren á legalidade dos acordos municipais acadados sobre os cambios de tarifa, nin ás medidas cautelares. Simplemente ordenan á administración agardar a que se pronuncie sobre a solicitude de suspensión reclamada pola Compañía de Tranvías.

Esperamos que este pronunciamento se produza coa máxima celeridade para minimizar os posibles prexuízos ás persoas que usan o transporte público, que non poderán beneficiarse da redución de tarifas nos prazos previstos polo Concello.

 

Quere dicir que a cidadanía vai quedar sen rebaixa?

Non, a aplicación da rebaixa queda, digamos, paralizada, até que se resolvan as medidas cautelares que solicitou a Compañía de Tranvías. A ambición dunha empresa que ten beneficios por enriba do razoable segundo todos os informes, tanto internos como externos, e tamén segundo a Comisión Nacional da Competencia, priva, de momento, á cidadanía dunha xusta baixada do billete. Tranvías seguiría a ter beneficios despois de aplicala.

 

Que ía pasar a partir do 1 de febreiro?

Pois que, por primeira vez na historia, a tarifa do bus urbano na cidade ía baixar. E íao facer en virtude do acordo da Xunta de Goberno Local a finais do pasado ano, que impulsou unha revisión dos prezos do transporte para axustalos ao regulamento europeo 1370/2007, así como á aplicación do principio de beneficio razoable.

Hoxe, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, ofreceu unha rolda de prensa explicando os cambios dos que podería beneficiarse a cidadanía a partir do venres. E minutos despois, o Concello tivo coñecemento da providencia xudicial que impide aplicar medida algunha até que non se resolva o recurso interposto pola Compañía de Tranvías, concesionaria deste servizo dende a década dos oitenta.

 

Que imos facer?

O Concello ten a obriga de acatar a orde da xuíza. Non obstante, temos a confianza en que esta situación se resolva canto antes e se poida aplicar a rebaixa de tarifas, principalmente, porque é necesario que a concesión do transporte público se axuste ás esixencias recollidas no regulamento europeo 1370/2007 así como á aplicación dos principios de beneficio razoable.

 

Que rebaixas entraban en vigor a partir do 1 de febreiro?

Moitas que tiñan como fin último beneficiar á cidadanía, xa cho contamos por aquí. O prezo do billete ordinario quedaría establecido en 1,20 euros, cunha rebaixa de 10 céntimos. A tarifa xeral da tarxeta Millennium baixaría case un 12%, até os 75 céntimos. O billete social reduciríase até 23 céntimos, en máis dun 30%, mentres que o billete universitario ficaría en 30 céntimos.
Ademais, a partir do venres habería un novo perfil de bono bus para menores de 13 anos que, desta forma, poderían viaxar a custe cero, de balde. Tamén se estendería o transbordo gratuíto en todas as liñas urbanas todas as veces que sexa preciso durante 45 minutos.

As persoas con tarxeta Millennium de perfil xeral verían como, a partir das 44 viaxes mensuais, o importe máximo a pagar quedaría marcado en 33 euros (fronte aos 37,70 actuais, o que representa unha baixada dun 11,7%). Pola súa banda, as persoas usuarias de bono social verían tamén modificada a contía da súa tarifa a partir das 70 viaxes, pasando a ter unha “tarifa plana” de 16,10 euros (un 30% menos do importe actual).

O Concello tiña todo a punto para poder levar a cabo estas rebaixas, de feito, realizou os trámites necesarios para que os e as usuarias con tarxeta Millennium menores de 13 anos puidesen acollerse ao novo perfil de desconto directamente a través dos propios caixeiros de Abanca. Ademais tamén habilitou un espazo específico para realizar os trámites de alta na estación de autobuses.

 

Quere dicir isto que houbo improvisación por parte do Concello á hora de actuar?

Non, para nada. A revisión de tarifas é unha consecuencia, precisamente, da necesidade de adaptar as compensacións que o Concello paga á Compañía de Tranvías, actual concesionaria do servizo en réxime de prórroga, ao dereito comunitario e aos principios do beneficio razoable, evitando calquera sobrecompensación á empresa que puidese ser considerada axuda de Estado non compatible co mercado interior.

A revisión tarifaria conta co aval da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) así como de estudos xurídicos e económicos contrastatados. A CNMC, organismo que goza dun recoñecido prestixio, tal e como se especifica nos propios documentos da Asesoría Xurídica, emitiu un informe o pasado mes de abril no que consideraba que “o réxime económico aplicable á concesionaria para o ano 2018 necesita obrigatoriamente axustarse ás esixencias recollidas no regulamento 1370/2007”.

Con esta revisión o goberno local da Coruña, ademais, está abrindo o camiño a moitos outros concellos que tamén están intentando adaptar as súas concesións de transporte urbano á legalidade comunitaria. De feito, recentemente, a CNMC vén recentemente de avalar a forma de actuar do Concello da Coruña ante a revisión dunha situación similar no concello de Cádiz.

A Compañía de Tranvías recorre ao xulgado para impedir a primeira rebaixa da historia no prezo do bus