O grupo da Marea Atlántica defenderá no próximo Pleno Extraordinario unha moción en apoio ao proxecto da Cidade das TIC, iniciativa da Universidade apoiada polo Concello e o Ministerio de Defensa.
No texto, instamos ao goberno galego “a máxima colaboración” no deseño e posta en marcha dunha proposta “necesaria para o futuro da Coruña”.
O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o 11 de febreiro, unha moción na que busca o apoio do resto de membros da Corporación para instar á Xunta de Galicia a prestar “a máxima colaboración, apoio e participación” no deseño, planificación, tramitación e posta en marcha da Cidade das TIC nos terreos da antiga Fábrica de Armas da Coruña.
A iniciativa, liderada pola Universidade e que conta desde o primeiro momento co apoio do Concello, procura crear un ecosistema económico e académico que facilite a transferencia de coñecemento, a captación e retención de talento e a atracción e desenvolvemento dun tecido industrial altamente competitivo. O proxecto “supón unha grande oportunidade para, por unha parte, recuperar a actividade industrial da antiga fábrica e, pola outra, situar á cidade como referente do noroeste peninsular nas economías baseadas no coñecemento, a innovación e as tecnoloxías da información e a comunicación”.
Preocupación ante a negativa da Xunta
“Desde o Concello observamos con preocupación a negativa da Xunta a sumar os seus esforzos a unha iniciativa necesaria para o futuro de A Coruña e Galicia no actual momento de incerteza e mudanza económica”, sinala o texto, no que o goberno local advirte de que “o proxecto é compatible, tanto en superficie como polas condicións urbanísticas e de uso, coa ampliación da oferta de equipamentos sanitarios e, no seu caso, coa construción dunha nova instalación sanitaria neses terreos”. A Cidade das TIC xa conta co visto e prace do Ministerio de Defensa a moción pide “o máximo apoio institucional e económico” ao proxecto por parte Consellería de Economía, Emprego e Industria, IGAPE e demais entes públicos, “en colaboración, coordinación e cooperación coas entidades promotoras e implicadas”.
“A ameaza de peche de factorías como Alcoa e Isowat poñen de manifesto a necesidade de levar a cabo, desde o ámbito público, políticas encamiñadas a enfrontar os retos económicos . As administracións públicas non podemos ficar pasivas ou indiferentes ante o cambio de paradigma que ameaza con deixar fóra do novo e precarizado mercado laboral moitas familias da nosa cidade. É a nosa obriga participar na vida económica das nosas cidades e as súas áreas metropolitanas para, desde a perspectiva da inclusión e sustentabilidade, garantir o seu futuro e benestar social”, sinala o texto. A este respecto, lémbrase o traballo en materia de políticas de emprego que está a realizar o Concello, como a creación e posta en marcha do programa Coruña Suma, que suporá un investimento total a tres anos de 5,5 millóns de euros con fondos da Unión Europea.
Se colaboramos, gaña A Coruña
Na moción que se levará á vindeira sesión plenaria, o goberno local lembra que sempre mantivo “unha boa disposición para liderar e compartir” proxectos e plans estratéxicos “que teñen entre os seus obxectivos construír unha economía local competitiva e resiliente asentada nos valores da innovación, o coñecemento e o alto valor engadido”. Así, destaca o apoio á creación da Oficina de Promoción Industrial, a incorporación do Concello da Coruña ao padroado da Fundación CITIC ou a creación, tamén da man da Universidade, da Estratexia Metropolitana de Innovación InnovaCM.
“Estas son algunhas das mostras da actitude proactiva, leal e colaboradora da administración máis próxima á cidadanía en materia de promoción económica, poñendo sempre os intereses da cidade por riba das siglas partidarias”, reza o texto. O grupo da Marea Atlántica considera que a Cidade das TIC encaixa no marco das políticas de promoción industrial pública que explotan as vantaxes competitivas da economía da Coruña, nun momento no que “os bos datos en creación de empresas, aumento do PIB e altas en afiliacións á Seguridade Social amosan que a recuperación económica comeza a ser unha realidade na nosa cidade e área metropolitana”.