Saltar ao contido

A lista de 20 persoas foi deseñada nun proceso de diálogo interno, con catro encontros ao longo do mes de xaneiro, abertos a todas as persoas inscritas

“Desta candidatura sairá o próximo goberno da Coruña”, declarou Xulio Ferreiro.

 

Xulio Ferreiro deu a coñecer esta tarde, nun encontro coa mareancia, os nomes que o acompañan na súa candidatura ás primarias da Marea Atlántica. No acto, celebrado na Libraría o Fiandón, presentou esta lista de 20 persoas, 11 mulleres e 9 homes:

  • Xulio Ferreiro: Alcalde da Coruña. Alcalde da Coruña. Profesor titular de Dereito e maxistrado suplente da Audiencia Provincial de Lugo. Dos Mallos, da Gaiteira e socio do Dépor.
  • María García: Concelleira de Medio Ambiente.
  • Xiao Varela: Concelleiro de Rexeneración Urbana.
  • Silvia Cameán: Concelleira de Xustiza Social.
  • Alberto Lema: Concelleiro de Economía Social e Emprego.
  • Claudia Delso: Concelleira de Participación.
  • Iago Martínez: Xefe de Gabinete da Alcaldía do Concello da Coruña e membro da Coordinadora da Marea Atlántica.
  • Isabel Faraldo: traballadora do Servizo Galego de Saúde coruñesa de Labañou e dos Mallos e activista en defensa do dereito sanidade pública, gratuíta e universal.
  • Susana Soneira: Decana do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, e vicepresidenta do Consello Xeral de Graduados Sociais de España.
  • Javier Pérez: Profesor de Formación e Orientación Laboral no CIFP Anxel Casal – Monte Alto.
  • Natalia Balseiro: Profesional do eido cultural, durante 13 anos na administración pública e outros cinco como independente.
  • Adrián García Seijas: Formado en Ciencias Políticas e Asesoramento Xurídico en Medio Ambiente. Traballador en precario do telemárketing. Integrante do comité de empresa de Extel na Coruña.
  • Leticia Barbadillo: Comunicadora e profesora en formación. Activista pola educación pública e os dereitos das persoas diversofuncionais.
  • Mariano Fernández Cabarcos: Autoempregado da xestión cultural e socio fundador de CUAC FM.
  • Gema Rivera: Enfermeira e xubilada. De familia de xente do Mar. Sindicalista. Comprometida na comunidade educativa.
  • Antía Garrote: Titulada en Humanidades e xestora cultural. Vencellada aos movementos estudantís por un ensino público de calidade.
  • Rubén Pérez: Activista dos dereitos e o benestar animal. Impulsor da eliminación das touradas na Coruña.
  • Ángeles Huerta: cineasta, profesora da Escola de Idiomas da Coruña, doutora en Literatura Comparada e premio Mestre Mateo 2017 ao mellor documental.
  • Ricardo Cao: Catedrático de Estatística na UDC, da que foi vicerreitor entre 2012 e 2015. Defensor da universidade pública.
  • Stephanie Ordóñez: Xornalista. Licenciada en Filoloxía Hispánica. Activista social e ecoloxista.

Unha lista de consenso e con vocación de goberno

201900203_MA_marea_candidatura_X19_G88B9505 Os nomes desta candidatura xurdiron do proceso participativo que se abriu o 7 de xaneiro, con catro encontros abertos a todas as asinantes do manifesto, nos que Xulio Ferreiro recolleu ideas, perfís e criterios para elaborar a súa candidatura. Tamén se habilitou unha caixa de correo electrónico para recoller propostas e suxestións. En total, foron máis de 200 persoas as que sumaron a súa voz neste innovador proceso.

Deste xeito, deuse un debate plural e transparente no seo da Marea Atlántica, no que todas as voces foron escoitadas, no que houbo representación de todas as sensibilidades e na que se reforza a aposta pola cooperación iniciada en 2015.

“Quixen que esta candidatura reflectise a enorme e rica diversidade da Marea Atlántica e da Coruña. Quixen que fose unha candidatura de entendemento en tempos de confrontación, de esperanza en tempos de desilusión, transformadora en tempos de inmobilismo. Unida, ilusionada e coa forza da xente do común. E que revalida a unidade ampla das forzas do cambio. Así vai ser o próximo goberno municipal da Coruña”, declarou Xulio Ferreiro.

Na presentación, o candidato agradeceu os apoios e a confianza recibida durante o proceso de elaboración da candidatura e tivo unhas palabras tamén para as persoas que non continuarán en María Pita no vindeiro mandato, Rocío Fraga, José Manuel Sande, Eugenia Vieito e Daniel Díaz Grandío: “As compañeiras que marchan xa son parte da transformación que iniciamos. Se non é no Pazo, seguiremos con elas na praza, coma sempre. Grazas por ter sido tan inmenso motor de cambio”.

Calendario de primarias

4 a 6 de febreiro: Subsanación de erros nas candidaturas.

7 de febreiro: Proclamación definitiva de candidaturas e peche do prazo para solicitar o voto telemático.

10:00 h do 8 de febreiro: Inicio da campaña electoral.

23:59 h do 14 de febreiro: Fin da campaña electoral.

10:00 h do 15 de febreiro: Inicio das votacións. Serán de xeito presencial no local da Marea, e telemáticas só para quen o solicitara.

13_Votacións

21:59 h 17 de febreiro: Remate das votacións.

18 de febreiro: Publicación provisional dos resultados das primarias.

19 e 20 febreiro: Período de reclamacións.

21 de febreiro: Rede e proclamación dos resultados definitivos.

28 de marzo: Rede para escoller os últimos postos da lista, reservados a persoas notables.

Xulio Ferreiro dá a coñecer a súa candidatura ás primarias da Marea Atlántica