Saltar ao contido

Ao igual que se fixo no pasado mandato ante a crise de Siria, o Concello debería poñerse a disposición do Estado para a acollida de quen escape da barbarie en Afganistán, especialmente mulleres e menores


A Marea Atlántica pídelle á Inés Rey que declare A Coruña como cidade refuxio para as persoas que foxen de Afganistán e poña a disposición do Estado os recursos da Coruña para axudar na acollida, especialmente de mulleres e nenas, as máis ameazadas pola brutalidade fundamentalista do réxime talibán. Baixo este réxime, bailar, xogar, traballar ou non obedecer a un home castígase coa tortura e a morte. 

María García, voceira da Marea Atlántica, asegura que “todas as persoas que foxen da barbarie deberían atopar unha man tendida na Coruña, e pensamos que agora debe facerse un esforzo no caso de Afganistán, tal e como ocorreu no pasado mandato no caso da guerra de Siria. Este espírito humanitario e de acollida é parte da Coruña, e debería ser parte da Europa de hoxe”. Concellos como Barcelona, Cádiz ou Valencia xa se ofreceron a axudar coa acollida, e A Coruña debería facer o mesmo: ofrecerlles un espazo seguro para refacer as súas vidas lonxe da violencia e a opresión.

Queremos expresar, tamén, a nosa preocupación polas violacións dos dereitos humanos en Afganistán, ás que son especialmente vulnerables as mulleres e nenas. E fronte ás que a comunidade internacional e a ONU non deberían apartar a vista nin abandonar á poboación afgana á súa sorte. É o momento de medidas diplomáticas e de presión. 

Non pode esquecerse que a situación actual en Afganistán é o resultado de 20 anos de intervención militar e guerra, que custaron centos de milleiros de vidas e que deixaron o país convertido nun inferno. É necesario asumir as consecuencias, comezando polas máis urxentes: darlle acollida ás persoas que se vexan obrigadas a escapar do seu país. Por iso instamos a Inés Rey a poñer a disposición do Estado os recursos da cidade da Coruña e volver dicir “Refuxiadas, benvidas”. 

Cartel de benvida

Instamos a Inés Rey a ofrecer A Coruña como cidade refuxio para as persoas que foxen de Afganistán