Ambos grupos traballarán conxuntamente para elaborar o documento en diálogo cos demais concellos e co resto dos grupos municipais da cidade
María García: “Celebramos que A Coruña recupere a vontade metropolitana da que fixo gala co goberno da Marea Atlántica. A cidade real non cabe nun só concello”
A voceira da Marea Atlántica, María Gacía, e o voceiro do PSOE e do goberno local, José Manuel Lage, anunciaron hoxe en rolda de prensa o acordo entre ambos grupos para elaborar unha proposta de Lei da Área Metropolitana da Coruña que recoñeza a realidade urbana que une a máis de 400.000 persoas. Unha proposta que se presentará no Parlamento de Galicia para a súa tramitación este mesmo outono.
María García explicou que “desde hoxe comezamos a elaboración dun documento de consenso, que se levará á Comisión da Área Metropolitana en setembro”, organismo que preside o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez. Terá como punto de partida o documento elaborado no pasado mandato, e procurará activamente achegas dos diferentes municipios da área e dos grupos políticos do Concello. E servirá para dar resposta aos retos que non poden resolverse só desde María Pita, cuestións que afectan todos os días á veciñanza, como son a mobilidade, o tratamento de residuos, a ordenación do territorio e a xestión da auga.
O punto de partida será a proposta elaborada por tres xuristas da Universidade da Coruña no pasado mandato, recuperando o esforzo que o alcalde Xulio Ferreiro fixo pola área metropolitana, e que se traduciu tamén en avances como a Declaración de María Pita ou os Acordos de Mariñán, que están a piques de cumprir cinco anos, e a Mesa de Alcaldías para favorecer o diálogo cos concellos da área sobre temas de interese común.
Recupérase un dos acordos incumpridos da investidura
Tamén se recupera un dos acordos que asinamos co PSOE para facer posible a investidura de Inés Rey, que só se cumprira en parte en outubro de 2019, co acordo plenario para impulsar a Área Metropolitana, que superou o bloqueo do mandato anterior. Pero non houbo máis avances ata o de agora. Por iso, como mostra da vontade do goberno local por respectar os acordos nesta nova etapa de diálogo, agardamos que o proxecto de Lei da Área Metropolitana chegue ao Parlamento de Galicia este outono, como paso previo a futuras negociacións. “As nosas conversas co PSOE son sobre o modelo de cidade, sobre todo o que afecta á Coruña, antes que sobre proxectos ou obras concretas. Nese modelo de cidade, a vontade metropolitana xoga un papel central”, afirmou María García.
Este procedemento supón acollerse ao artigo 122 da Lei de Administración Local de Galicia, que permite que os concellos interesados impulsen a creación dunha área metropolitana, tras un acordo adoptado por maioría absoluta no Pleno de cada corporación. Ese paso previo xa se deu nos oito municipios do Consorcio das Mariñas, sendo A Coruña o último en facelo, na sesión de outubro de 2019.
Soporte legal para unha realidade que xa é metropolitana
A nosa voceira lembrou que desde a Marea Atlántica mantivemos unha rolda de contactos cos concellos de Cambre, Sada, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Arteixo e Betanzos. E todos eles trasladaron o seu interese e receptividade en seguir avanzando cara un marco legal que una á cidade da Coruña real, a que xa non cabe nun só concello desde hai moitos anos.
María García, desde o realismo, lembrou que “a creación da Área Metropolitana necesita dunha maioría no Parlamento galego que agora está nas mans do PP. Pero agardamos que Alberto Núñez Feijóo estea á altura e non bloquee esta proposta. As institucións teñen que estar á altura das necesidades da veciñanza”.
Neste asunto deben superarse as lóxicas de partido e as estratexias curtopracistas. A Coruña hai moitos anos que non cabe nun só concello, a súa veciñanza fai vida metropolitana cada día, polo que temos que recoñecer esa realidade e dotala dun encaixe legal que permita mellorar os servizos, conectar os buses urbanos e interurbanos, combater o permanente problema dos atascos, mellorar a xestión da auga e o lixo e, en xeral, poñer solucións reais a problemas reais. E iso só pode facerse desde a cooperación e entendemento entre concellos.