Saltar ao contido

O executivo de Mariano Rajoy reduciu nun 60% o investimento na cidade e acumula promesas incumpridas, moitas desde hai varias décadas

O PP está a empregar as institucións como ariete contra A Coruña. Para atacar ao goberno da Marea Atlántica, fanlle oposición a toda a cidade, secuestran e paralizan todo canto proxecto pasa polas súas mans. Vémolo a diario na Xunta de Galicia, pero tamén no goberno do Estado, que nos seus Orzamentos para 2017, que teñen trazas de seguir moitos meses en vigor, reduciron os fondos para A Coruña nun brutal 60%.

Disque todos estes problemas que imos sinalar son culpa da Marea Atlántica, malia que  algúns se remontan a décadas atrás, e todos son competencia directa do goberno do Estado, sobre todo do Ministerio de Fomento. Podes crer nos superpoderes do Concello para paralizar cousas, ou podes pensar que hai quen pon sempre ao partido por diante do interese xeral. Só unha destas teses está respaldada por centos de sumarios e investigacións xudiciais.

A humanización da Avenida da Vedra

Cando o goberno de Rajoy no Estado podía negociar co goberno de Negreira en María Pita, de PP a PP, chegaron a un acordo para ampliar a actual avenida de Alfonso Molina. O proxecto era un delirio de carrís, que prometía amañar atascos e accidentes a base de meter máis coches, unha autoestrada polo medio da cidade que ignoraba calquera outro medio de transporte. Ademais, arrasaba o núcleo histórico de San Vicente de Elviña.

Foi unha promesa que quedou en promesa, ao estilo do PP, xa que nada avanzou durante o mandato do Partido Popular na Coruña. En 2015, cando a cidadanía votou polo cambio, a Marea Atlántica rexeitou este modelo insostible e propuxo unha humanización da avenida da Vedra, con corredores peonís, carril bici e espazos para o transporte público. Unha vía que unise os barrios en lugar de separalos.

Desde o primeiro día comezaron as negociacións co Ministerio de Fomento para humanizar A Vedra. E logrouse, en parte. Cinco meses despois, un acordo asinado coa ex-ministra Ana Pastor incorporou moitas das propostas do Concello, e incrementouse o investimento do Estado de 9 a 19 millóns de euros. Logo chegaron as dúas eleccións xerais, e Rajoy estivo un ano en funcións. Tivo tempo para prorrogar a concesión de Ence na ría de Pontevedra, pero non para coidar unha das vías de entrada á Coruña.

Finalmente, en agosto de 2017 presentou Fomento o proxecto renovado, e o goberno da Marea Atlántica aproveitou o período de alegacións para introducir máis melloras técnicas. E nunca máis se soubo. O novo ministro, Íñigo de la Serna, gardou nun caixón as promesas da súa predecesora e tirou a chave ao olvido da política partidista.

Pasarela de Pedralonga

Na lista de promesas incumpridas nas beiras de Alfonso Molina destaca, e moito, a pasarela de Pedralonga. O paso seguro entre Palavea e O Portazgo leva décadas sendo unha demanda veciñal ignorada. Nas negociacións para a humanización da Vedra, o goberno municipal defendeu que a pasarela ten que facerse como unha obra separada dos traballos na avenida, para poder rematala canto antes.

É necesaria para a seguridade e accesibilidade dun barrio maltratado como periferia por gobernos sucesivos. É preciso para evitar que a veciñanza se xogue a vida todos os días cruzando por atallos non regulados. Pero é tamén un proxecto esquecido polo Ministerio de Fomento.

Pifia no Vial 18

O Vial 18 será a estrada que conecte a AP-9 coa Terceira Rolda da Coruña. Terá un importante papel para mellorar a mobilidade na área metropolitana e ofrecer alternativas á Avenida da Vedra, sobre todo ás persoas que se desprazan desde Arteixo e Culleredo. Isto é, se algún día o Ministerio de Fomento é quen de rematalo. O primeiro estudo informativo é de 2012, é aínda non se puxo nin o primeiro centímetro de asfalto.

O inicio das obras foi prometido en 2017, mesmo o Estado reservou, esta vez si, uns 13 millóns de euros nos seus orzamentos. Pero nunca chegou a executalos. O informe de impacto ambiental, publicado o 15 de febreiro, foi unha chapuza que o propio Ministerio de Medio Ambiente rexeitou. E nunca máis se soubo.

O tren esquecido

No nulo compromiso do PP coa mobilidade sostible tamén fica esquecido o tren. Toda a política ferroviaria do Partido Popular (e dos que o precederon) pasa por prometer unha e outra vez a chegada do AVE a Galicia nalgún punto do futuro cada vez máis distante, como nunha broma recorrente. E mentres, nin un euro nin un plan para mellorar a rede de cercanías.

O caso máis grave é o do tren A Coruña-Ferrol, que tarda máis de dúas horas por un trazado do século XIX, falto de investimento desde hai demasiadas décadas. Durante o ano pasado, a Deputación e todos os concellos situados no trazado reclamaron urxentes melloras nesta liña, xunto con diversas organizacións sociais e sindicais.

A resposta do Ministerio de Fomento foi destinar uns escasos 200.000 euros para redactar o proxecto informativo dunha mellora do trazado en Betanzos. Din que non hai “consenso social”, ignorando todas as peticións públicas ao respecto porque a maioría dos concellos afectados non son do PP. Mentres, en Valencia, anuncian case 1.500 millóns de investimento no ferrocarril.

O tren é un dos medios de transporte máis seguros, baratos, eficientes e non contaminantes dos que dispoñemos. Esquecelo en favor de autovías imposibles, crecentes peaxes e fomento do vehículo privado é un erro enorme.

Conexión ferroviaria do Porto Exterior

O ferrocarril a Punta Langosteira é outro proxecto que acumula un incumprimento tras outro. Case cinco anos despois da chegada do primeiro barco ao Porto Exterior, a conexión ferroviaria non ten aínda trazado, nin proxecto, nin visos de converterse en realidade.
Nin sequera sabemos como se vai financiar, xa que o Ministerio de Fomento reservou en 2017 uns escasos 31.000 euros para tal fin, e a Autoridade Portuaria está afogada en débedas, que se derivan precisamente dos sobrecustos da dársena exterior.

Quen tanto interese tivo en vender o Porto Exterior como un proxecto imprescindible deixa agora abandonada unha das súas necesidades fundamentais. Os peiraos de Punta Langosteira nunca serán viables sen conexión por tren, imprescindible para trasladar mercadorías e garantír a súa autosuficiencia económica.

Alvedro en terra

Neste repaso aos buratos negros que o Ministerio de Fomento vai deixando pola Coruña e a súa Área Metropolitana non pode faltar o Aeroporto de Alvedro. O operador AENA, dependente deste ministerio, segue sen recoñecer o carácter estratéxico da terminal, a pesar do aumento no número de persoas usuarias nos últimos anos. Deste xeito, mantén o financiamento moi por baixo do que Alvedro precisa.

Tampouco se fixo nada para solucionar os problemas coa néboa, que inutiliza as pistas con demasiada frecuencia. A cabeceira 03 segue sen sistema ILS, e tampouco se están a estudar alternativas. Puro abandono.

Ría do Burgo

Da Ría do Burgo chegaron a vivir máis de 2.000 persoas, pero hoxe dá traballo a menos de cen. A contaminación rematou coa súa riqueza marisqueira logo dun longo tempo de abandono. O goberno da Marea Atlántica fixo o seu traballo e, desde 2015, comezou a localizar e eliminar as verteduras contaminantes ás augas da ría. Xa solucionou o 80% e neste ano conta con chegar ao vertido cero.

Mentres, o Estado non fixo nada. É responsable de dragar a ría para rexenerala, pero acumula décadas de atraso na actuación. Ano tras ano orzamenta 1 millón de euros para un proxecto que custará máis de 40. E ano tras ano deixábao sen gastar. En 2017 houbo novidades, pero foron escasas. Publicouse, por fin, a declaración de impacto ambiental para inicar o dragado, sen que se producise ningún avance fóra dos despachos.

O Partido Popular marxina á Coruña desde o goberno do Estado