O alcalde conversará con Martíns, voceira do Bloco de Esquerdas portugués, e Herrero, activista e escritora, nun acto público que se celebrará na Escola de Náutica, ás 20.30
O sábado 27 de xaneiro votaranse os documentos que renovarán o funcionamento da Marea Atlántica cara o horizonte 2019, que son públicos desde hoxe
A Marea Atlántica pechará a Marea Viva, o seu proceso de construción e transformación interna, cun acto público que se celebrará o vindeiro venres 26 de xaneiro, ás 20.30 horas, no salón de actos da Escola de Náutica. Nel participarán o alcalde, Xulio Ferreiro, a voceira do Bloco de Esquerdas portugués, Catarina Martíns, e Yayo Herrero, escritora, activista e figura clave do ecofeminismo. As tres manterán unha conversa aberta sobre os retos que o municipalismo e as forzas do cambio afrontan neste novo ciclo.
Logo desta cida, o sábado 27 de xaneiro, as persoas asinantes do Manifesto da Marea Atlántica poderán votar os novos documentos de Código Ético, Forma de Goberno, Programa Participativo, Primarias e Estrutura, que pasarán a definir as bases do funcionamento da organización. Desde hoxe poden consultarse publicamente e están abertos a achegas por parte das persoas con dereito a voto, para que todas as voces poidan ser escoitadas.
Mes e medio de debate e transformación
Os documentos presentaranse na súa forma definitiva o 26 de xaneiro, nas horas previas ao acto público de Xulio Ferreiro, Catarina Martíns e Yayo Herrero. E poderán ser referendados durante o día seguinte, tanto de xeito presencial, no local da Marea Atlántica, como por vía telemática. De ser aprobados, entrarán inmediatamente en vigor, agás o Código Ético dos cargos electos, que se aplicará a partir do vindeiro mandato municipal.
O proceso da Marea Viva comezou o 15 de decembro e, logo de mes e medio de debates, intercambios e traballo de consenso, cristalizou nos documentos que hoxe se fixeron públicos.