Saltar ao contido

O Pleno municipal aprobou onte unha moción para esixirlle ao goberno galego que cumpra o convenio asinado en 2006 e cubra os patios dos CEIP Emilia Pardo Bazán, José Cornide, Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta

O Pleno do Concello da Coruña  aprobou este 8 de xaneiro unha moción do grupo de goberno para instar á Xunta a cumprir os seus compromisos e instalar cubertas nos patios de sete colexios públicos da cidade. Cos votos a favor da Marea Atlántica e o BNG, a abstención do PSOE e o eterno voto en contra do PP, a corporación esixiu que os centros educativos reciban o que merecen.

En 2006, os gobernos local e galego asinaron un convenio de colaboración destinado a realizar obras de construción de patios cubertos nos centros de Educación Infantil e Primaria, para repartir o investimento e, nun prazo de tres anos, ofrecerlle ao alumnado un espazo para o lecer nos días de choiva.

 

En once anos, a Xunta fixo dúas obras. Faltan sete.

Silvia Cameán, a concelleira de Xustiza Social, con competencias en Educación, explicou que a parte municipal do convenio está prácticamente cumprida, como se pode ver en nove centros: Wenceslao Fernández Florez, Prácticas, Montel Touzet, Víctor López Seoane, María Barbeito, Rosalía de Castro, Sanjurjo de Carricarte, Concepción Arenal e Sagrada Familia. Só falta o San Francisco Xavier, que está pendente dos trámites informativos da Xunta para poder comezar as obras.

O goberno galego, en once anos, só puxo cubertas en dous colexios: Alborada e Salgado Torres. Faltan sete, nos que non hai nin proxecto nin intencións. A comunidade educativa do Emilia Pardo Bazán, José Cornide, Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta foi abandonada polo executivo de Alberto Núñez Feijóo.

“A pesares dos reiterados requirimentos por parte do Concello para que a Xunta cumprira os seus compromisos, sempre obtivemos resposta negativa dos cargos responsables”, explicou Silvia Cameán. E engadiu que ” é urxente restablecer o compromiso adquirido coa veciñanza da cidade”. A educación non merece menos.

 

Compromiso coa educación pública e o coidado dos colexios

O compromiso do goberno da Coruña cos centros educativos públicos, ao contrario que o da Xunta de Galicia, é firme. Desde que chegou ao goberno municipal, a Marea Atlántica aumentou os fondos para coidar e manter os colexios ata niveis superiores aos de calquera outro mandato, con investimentos sempre próximos ao millón de euros ao ano.

Mesmo chegou a ocuparse de obras que non son da súa competencia, como no caso das cubertas do María Barbeito (dúas xa foron reparadas, falta unha terceira) porque o compromiso coa educación pública obriga a manter nas mellores condicións posibles os lugares nos que se forma a mocidade. Este traballo faise sempre en colaboración coa comunidade educativa, para garantir que as obras necesarias se levan a cabo en momentos nos que non alteren o traballo diario. Xusto o contrario do que fixo a Xunta no Ramón de la Sagra, onde puxo en risco a saúde do alumnado.

A Xunta débelle un patio cuberto a sete colexios da cidade