Saltar ao contido

Texto da moción que a Marea Atlántica presenta no pleno municipal do 5 de marzo, pola recuperación da autonomía local, recoñecida pola Constitución e afogada polas leis de Montoro.

O pasado 13 de decembro de 2017, o Congreso dos Deputados aprobou, a iniciativa do Grupo Confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, a toma en consideración dunha Proposición de Lei para a modificación dos criterios de aplicación da regra de gasto, de xeito que se permita ás Corporacións Locais que cumpren cos criterios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, así como co período máximo de pago da débeda comercial, reinvestir o seu superávit fiscal para garantir a prestación dos servizos públicos da súa competencia.

A toma en consideración desta proposta de modificación da regra de gasto foi apoiada por todos os grupos parlamentarios agás o PP e Ciudadanos, e foi posible grazas a que o Goberno do Estado rexistrou o seu veto fora de prazo, mais o Goberno, a través da Mesa do Parlamento, segue a boicotear a tramitación da modificación da regra de gasto, ampliando sine die o prazo de presentación de emendas, impedindo, de facto, a aprobación desa modificación.

A Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira ( LOEPSF), desenvolvemento da reforma exprés do artigo 135 da Constitución Española, supuxo a consagración da estabilidade orzamentaria como principio máximo ao que quedou supeditada o conxunto da política económica e social das administracións públicas, dando “prioridade absoluta” ao pago da débeda pública por encima de calquera outro gasto público. En concreto, a prohibición, no artigo 11 da citada Lei, de incorrer en “déficit estrutural”, e a enunciación, no artigo 12, da denominada “regra de gasto” están a restrinxir de maneira inxustificada a actuación as Corporacións Locais, nun contexto no que coexisten importantes superávit orzamentarios con perentorias necesidades sociais, debido a uns servizos públicos fundamentais debilitados despois de anos de fortes restricións.

Máis aínda, tal e como é aplicada, a regra de gasto supón un agravio comparativo para as CCLL respecto ao grao de esixencia de consolidación fiscal que sofren en comparación coa Administración Central. En efecto, o mal deseño da regra provoca que, na práctica, se aplique de maneira independente respecto do obxectivo de estabilidade, que é o que determina o esforzo de consolidación financeira do Estado. Dado que a regra de gasto non considera o incremento dos ingresos vinculado á mellora da conxuntura económica, a regra acábase convertendo nun criterio máis severo en termos de consolidación fiscal que o que se deriva de aplicar o obxectivo de estabilidade.

Deste xeito, non é de estrañar que as Corporacións Locais, cun superávit do 0,6% do PIB en 2016, estean a ser as verdadeiras responsábeis da redución do déficit público, mentres a Administración Central do Estado segue a manter déficits do 2,5%.

Mais a regra de gasto é só un dos mecanismos deseñados no entramado normativo das Leis de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, e da súa normativa de desenvolvemento, para conseguir a asfixia competencial e financeira das Administracións Locais. A recuperación dos principios constitucionais de Autonomía Local (Art. 140 da C.E.) e Suficiencia Financeira das Corporacións Locais (Art. 142 da C.E.), require da modificación e/ou derrogación de outros elementos tan nocivos como a regra de gasto, como son as limitacións da taxa de reposición de efectivos, que ano tras ano veñen forzando a diminución do emprego público das Administracións Locais, impedindo sequera a reposición de todas as xubilacións, cun efecto acumulado que, en moitos casos, está derivando nun grave deterioro da calidade dos servizos públicos, cando non directamente na externalización.

O pasado martes 27 de febreiro, no seo dunha reunión de municipios convocada pola FEMP, o seu Presidente fixo público o compromiso do Goberno do Estado, expresado por medio do ministro Montoro, para a tramitación urxente, dun Decreto Lei que habilite o destino dos superávits locais a investimentos financeiramente sustentables, en ausencia dunha Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2018, ampliando os supostos definidores dos IFS contidos na Disposición adicional décimo sexta do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.

Sen dúbida este é un pequeno paso na dirección correcta, conseguido grazas á presión dos Concellos, pero claramente insuficiente para reverter a tendencia involutiva da autonomía local imposta desde o Goberno do Estado. Os resultados orzamentarios acadados polas Corporacións Locais xa non deixan marxe para ningún tipo de dúbidas, é o momento de revertir esa situación, propiciando os cambios normativos necesarios para recuperar a autonomía local deturpada polas leis de estabilidade orzamentaria.

Por todo o anteriormente exposto, propomos a adopción dos seguintes acordos:

ACORDOS

  1. Instar ao Goberno do Estado a impulsar as modificacións normativas que sexan necesarias para que, en exercicio da autonomía local, os concellos que cumpran cos obxectivos de endebedamento e estabilidade orzamentaria, poidan decidir libremente o destino dos seus surperávit, sen mais limitacións nin tutelas por parte da Administración Xeral do Estado.
  2. Impulsar, á maior brevidade posible, a modificación da lexislación estatal de estabilidade orzamentaria, derrogando a aplicación da regra de gasto naquelas administracións que xa cumpren cos referidos obxectivos de endebedamento e estabilidade orzamentaria.
  3. No Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2018, suprimir as limitacións da taxa de reposición de efectivos para as Administracións Locais que cumpran cos anteditos obxectivos de endebedamento e estabilidade, de xeito que estas poidan recuperar o emprego público e dereitos retributivos perdidos nos últimos anos, recuperar servizos externalizados e mellorar a calidade dos servizos prestados á cidadanía.
  4. Propoñer, á maior brevidade posible, unha modificación da regulación estatal do Imposto Sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana que corrixa os baleiros normativos derivados das reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional, proporcione seguridade xurídica aos contribuíntes así como aos concellos encargados de aplicala, e garanta a compensación, por parte do Estado, da perda de ingresos que se produzan como consecuencia desa modificación.
  5. Impulsar a modificación do sistema de financiamento local, incrementando os recursos totais asignados ás Administracións Locais e, ensanchando e flexibilizando o espazo fiscal propio das mesmas, excesivamente ríxido, ampliando a capacidade de actuación dos Concellos sobre os tributos locais, outorgándolles capacidade normativa suficiente para adaptar o sistema fiscal local á súa realidade socio-económica en cada momento, permitindo a incorporación de progresividade aos tributos locais, así como a definición de políticas fiscais locais diferenciadas.
  6. Dar traslado destes acordos ao Goberno do Estado, á Xunta de Galicia, aos Grupos Parlamentares das Cortes Xerais e do Parlamento de Galicia, así como á Federación Galega de Municipios e Provincias.

Os concellos precisan recuperar a súa autonomía