A activista do pobo k’iche’ de Guatemala, exiliada en Euskadi, ofreceu unha charla na Coruña sobre as prácticas de criminalización da protesta social, que xa comezamos a coñecer no Estado Español.
Lolita Chávez Ixcaquic é mestra, feminista e loitadora. É representante do Consejo de Pueblos K’iche’s de Guatemala, por la Defensa de la Vida, Madre Naturaleza, Tierra y Territorio (CPK). Púxose a fronte das protestas en Santa Cruz de Barillas, impedindo que unha empresa con sede na Coruña, Ecoener-Hidralia, arrasase as terras indíxenas para construír unha central hidroeléctrica. E vive no exilio en Euskadi desde xuño de 2016, logo de sufrir varios atentados contra a súa vida.
O 19 de febreiro tivemos a sorte de escoitala na Coruña, nun acto organizado pola Marea Atlántica, que se celebrou na Librería O Fiandón. Tamén participaron a consultora internacional Patricia Ramos; a representante da ONG Implicadas no Desenvolvemento, Noelia Darriba; e o integrante da ONG vasca Mugarik Gabe, Jesús González Pazos.
A loita invisibilizada das mulleres k’iche’s
“Os pobos orixinarios somos reais, somos historias e vidas. E por elas pelexamos”, comezou dicindo Lolita Chávez. E detallou os abusos de Ecoener-Hidralia no seu país. Esta empresa, propiedade da familia Castro Valdivia, chegou en 2007 a Guatemala para construír unha central hidroeléctrica no río Cambalam e atopouse coa resistencia indíxena. A loita custou ducias de vidas, presos políticos e mesmo un estado de sitio sobre Santa Cruz de Barillas, pero serviu para parar o proxecto en 2016. “Cando meteron aos homes no cárcere, as mulleres deron a cara. Enfrontáronse á policía e ao exército mentres cargaban coas crianzas no colo. E aínda así foron invisibilizadas nas nosas sociedades patriarcais”.
Explicou que ela foi “xulgada e condenada por defender a súa terra”, o que a levou ao exilio. Pero sufríu “intentos de asasinato e violación, e eses seguen impunes”. Co prezo pola resistencia moi presente, fixo un chamamento a “loitar desde todos os pobos contra o neoliberalismo global e a súa depredación. Temos que trascender fronteiras e cores de pel. Temos que aprender as unhas das outras e demostrar que podemos construír xuntas unha alternativa.
A criminalización que xa estamos a coñecer no Estado español
Jesús González Pazos representa a Mugarik Gabe, a ONG que acolleu a Lolita Chávez en Euskadi, e foi tamén autor dun completo informe sobre a loita indíxena en Guatemala. “A súa estratexia é a criminalización, acusar aos líderes das protestas de crimes inventados, sen probas, para metelos en prisión preventiva e desactivar as mobilizacións. É unha guerra sucia que xa estamos a ver no Estado Español” explicou González Pazos.
Nesta liña, Patricia Ramos sinalou que as ameazas das que falou Lolita e que figuran descritas no informe de Mugarik Gabe non son exclusivas de Guatemala: “Máis de 200 activistas foron asasinadas en Latinoamérica en 2017 por opoñerse aos intereses das empresas transnacionais”. Da súa banda, Noelia Darriba fixo un chamamento a atender ao exemplo que as mulleres como Lolita están a dar na loita social nos países do Sur: “Desde o feminismo, temos alí un espello no que mirarnos”.
Imaxes de Antía García Sendón. Aquí podedes ver unha galería completa.