Texto da moción do Movemento en Defensa das Pensións, presentada pola Marea Atlántica para ser debatida no pleno municipal do 5 de marzo. Reclama que as pensións volvan estar vinculadas ao IPC e que se derroguen as reformas que levan ás persoas xubiladas cara a pobreza.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) Galicia é a comunidade autónoma máis envellecida do Estado. Na cidade da Coruña as persoas maiores de 64 anos supoñen o 24% da poboación, e neste colectivo máis do 61% son mulleres.
Esta poboación foise empobrecendo nos últimos anos polo recorte sistemático das súas pensións, o que provoca unha perda de autonomía persoal e acrecenta as necesidades de mantemento dos servizos socio-sanitarios, e unha maior dependencia dos nosos maiores.
Por outra banda, os datos da Enquisa de Condicións de Vida 2016 indican que aproximadamente o 29,5% das familias teñen a súa principal fonte de ingresos na pensión dunha persoa xubilada e deses ingresos dependen para a cobertura de necesidades básicas.
A modificación lexislativa realizada polo goberno do Partido Popular en 2013 (Lei 23/2013, de 23 de decembro, reguladora do Factor de Sustentabilidade e do Índice de Revalorización do Sistema de Pensións da Seguridade Social), desvinculou a actualización das pensións do incremento do IPC e fixou o aumento anual entre o 0,25% e o 0,50%.
Neste ano, coa actualización dun 0,25% e o incremento do IPC do 1,1% en decembro (evitamos considerar o dato anómalo que sempre adoita presentar o mes de xaneiro), volve producirse máis unha perda de poder adquisitivo que, coma sempre, prexudica en maior medida ás pensións máis baixas. Na nosa comunidade a pensión media é de 895,49 euros (datos de xaneiro de 2018 para persoas residentes en Galicia), sendo a proporción de pensións por baixo do limiar da pobreza do 63%, cifra que está mais de dez puntos por riba da media estatal, e é a maior de todas as comunidades autónomas.
Os datos da desigualdade. As mulleres levan a peor parte.
Esta situación é aínda máis gravosa no caso das mulleres. Segundo datos do IGE as pensionistas galegas cobraban a finais de 2016 (último dato publicado) unha media de 740,73 euros ao mes, fronte aos 1.018,67 euros dos varóns, o que supón unha diferencia de ingresos do 27,01%. O nivel de precarización é ato no colectivo pensionista en xeral, pero no das mulleres especialmente: a media deixa a este segmento por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. En Galicia, dúas de cada tres mulleres pensionistas cobran menos que a pensión media, mentres que dous de cada tres homes cobra máis que a pensión media.
En 2016, na nosa cidade as diferencia fanse notables igualmente. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística a pensión media era de 1.073,08 euros, correspondendo 1.272,44 euros á pensión media de varóns e 894,07 euros á das mulleres, unha diferencia do 29’72%.
Os datos amosan que as mulleres seguen sendo máis vulnerables, e evidencian que o problema da fenda nas pensións é un máis dos obstáculos coas que se atopan dentro do mundo laboral, senón que nin sequera o sistema de pensións realiza a correción unha vez rematada a vida activa.
O goberno do PP realizou unha reforma laboral que precarizou as condicións laborais e salariais, baleirou o peto das pensións para pagar xuros de Débeda Pública, e rescatar entidades bancarias, empresas construtoras, grandes concesionarias e aos responsables da súa quebra, mentres se recortan salarios e dereitos como os das pensións públicas.
Está en xogo un dereito non só das e dos pensionistas senón tamén da masa traballadora. Se o goberno non busca saídas a esta situación, nos próximos anos pasaremos de ter unha taxa de risco de pobreza moi superior ao 19%, como recolle a Enquisa de Condicións de Vida 2016, e que sen dúbida, xunto co envellecemento, compromete seriamente o futuro de todas e todos.
Por estes motivos, proponse o seguinte ACORDO:
- Apoiar as mobilizacións en favor das pensións públicas e contra a precarización e a perda de poder adquisitivo por parte das pensionistas.
- Mostrar o rexeitamento deste pleno a que o aumento das pensións para este exercicio 2018 non fose parella ao aumento no custo da vida.
- Instar ao goberno do Estado para que:
- Garanta a actualización das pensións de acordo co incremento real do IPC.
- As pensións públicas vaian a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado.
- Se derroguen as reformas das pensións do 2011 e 2013 e se recuperen os dereitos socioeconómicos das persoas pensionistas e a idade de xubilación aos 65 anos.
- Incremente e equipare as pensións mínimas vixentes ao Salario Mínimo Interprofesional.
- Se derroguen as dúas reformas laborais, as de 2010 e 2012, debido a que as súas consecuencias nefastas para a calidade do emprego poñen en risco a sustentabilidade e o futuro das pensións.
- Prohiba, por lei, a libre disposición do Fondo de Reserva das Pensións para situacións de déficit de cotizacións.
A fotografía que abre a páxina foi tomada na concentración do Modepen celebrada o 22 de febreiro de 2018, no Obelisco.