Saltar ao contido

MAREA FEMINISTA

[Podes ver e escoitar esta intervención aquí]

«As mareas son o pulmón da Marea Atlántica e, nós, as feministas da Coruña, queremos construír, dende abaixo, un proxecto alternativo de cidade coa vontade de mellorar as condicións de vida das mulleres a través de leis e políticas activas que atendan ás nosas prioridades. Queremos que o feminismo inunde o noso municipio e queremos transversalizar a visión de xénero dende dentro, dende nós, e cara fóra, para todas.

Agora, e máis que nunca, precisamos do feminismo e precisamos de lexislacións que eviten que sexamos atacadas dende a infancia polo mero feito de ser mulleres. Precisamos de centros de Planificación familiar que nos garanticen un acceso público á nosa saúde sexual e reprodutiva, como o COF do Ventorrillo, un centro que atende a máis de 30 concellos e onde as xubilacións e a falta de substitución das especialistas, está provocando un detrimento no seu funcionamento. E cal é a solución? Suprimir os exames de saúde xinecolóxicos pasando as prestacións ós centros de saúde, amosando unha falta de respeto pola nosa saúde e polos nosos dereitos básicos. Unha vez máis, aprópianse do noso corpo e da nosa sexualidade…

Precisamos de espazos públicos, abertos, libres e seguros para nós, as mulleres. E esiximos, tamén, políticas de igualdade nos centros educativos, no traballo e mesmo na familia, visibilizando aquelas horas de traballo non retribuído no modelo de familia tradicional e desempeñado maioritariamente polas mulleres. Queremos rematar coa violencia machista e queremos que o municipio da Coruña se declare como undos pioneiros en políticas de igualdade.

Hai Marea Atlántica, hai Marea Feminista e xa non haberá quen a pare.»

 

Alicia Alonso

_MG_7365

Intervencións :: Acto do Paraninfo |Marea Feminista