Saltar ao contido
Cartel para o 8 de marzo de 2023: Todas as mulleres. Todos os dereitos. Todos os días.

Propoñemos a creación dun protocolo estable contra o acoso en locais nocturnos, un premio ‘8 de marzo’ para recoñecer ás mulleres que loitan pola igualdade, e a creación da Casa ‘Marcela e Elisa’ como espazo de actividades feministas

Cartel para o 8 de marzo de 2023: Todas as mulleres. Todos os dereitos. Todos os días.

A Marea Atlántica sumarase este ano ás celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, unha data que queremos reivindicar baixo o lema “Todas as mulleres, todos os dereitos, todos os días”, pois a loita pola igualdade debe manterse marque a data que marque o calendario. Neste sentido, propoñemos unha serie de medidas para ampliar e reforzar as políticas de Igualdade no Concello da Coruña, despois dun mandato no que non tiveron toda a atención que merecen:

Premio municipal 8 de marzo: Un galardón para entregar cada ano nesta data para recoñecer e visibilizar o traballo das mulleres da Coruña que loiten pola igualdade e contra a discriminación.

Casa das Mulleres ‘Marcela e Elisa’, un espazo para centralizar os servizos de Igualdade do Concello, así como para ofrecer actividades de empoderamento e encontro feminista. Foi unha das medidas acordadas pola Marea Atlántica e o goberno local dentro dos Orzamentos 2022, pero segue sen cumprirse.

Protocolo estable para previr o acoso no ocio nocturno, a través de convenios cos establecementos e locais, con formación e medidas de apoio axeitadas. Pode seguirse o modelo de Barcelona, que foi decisivo no caso do futbolista Dani Alves.

Puntos de Atención ás Mulleres nos Centros Cívicos, para informar dos recursos existentes, tanto no Concello coma noutras administracións, destinados a avanzar cara á igualdade.Escola municipal de pensamento feminista, recollendo o testemuño da que funcionou no pasado mandato, e que reuniu na Coruña a figuras de referencia como Silvia Federici.

Espazo para o recoñecemento, reparación e a memoria das mulleres que padeceron violencias machistas. 

8 de marzo: Todas as mulleres, todos os dereitos, todos os días