Silvia Cameán: “A Marea Atlántica é dende a súa orixe unha organización feminista. Entendemos a política como un instrumento de transformación da sociedade e non de agresión”
Nesta xornada de reflexión e traballo, tamén se reivindicou o Día da Muller e a Nena na Ciencia que se celebra este 11 de febreiro
Máis de 30 mulleres que veñen colaborando habitualmente coa Marea Atlántica reuníronse esta tarde de sábado para compartir unha xornada de traballo, reflexión e iniciativa política, co obxectivo de reforzar un espazo de confianza e comezar a achegar ideas para unha Coruña máis verde, xusta, feminista e democrática coa ollada nas vindeiras eleccións municipais de maio.
“Temos por diante uns meses cheos de retos e víamos importante facer esta parada, encontrarnos, falar, debater e partillar, e resituarnos dentro da organización logo destes anos tan complicados marcados pola pandemia e o distanciamento que dela se derivou”, comenta a concelleira Silvia Cameán. E engade que “o ADN da Marea Atlántica é marcadamente feminista desde as súas orixes e en toda a súa traxectoria”. Por iso, seguimos construíndo espazos políticos que aborden as causas de exclusión na participación política das mulleres e nas formas de exercicio do poder .
“As mulleres fomos excluídas historicamente do exercicio do poder e debemos repensar as formas de exercelo e derrubar os obstáculos que limitan a nosa participación. Na Marea, entendemos a política como un instrumento de transformación da sociedade e non de agresión. Pódese e débese facer política dende o respecto, a cooperación, a amabilidade e a firmeza na defensa das nosas ideas”, resumiu Siliva Caméan.
O Día da Muller e a Nena na Ciencia
Dentro do programa deseñado para este encontro tamén se reivindicou o Día da Muller e a Nena na Ciencia, recoñecido pola ONU e celebrado este 11 de febreiro. A fenda de xénero segue sendo enorme e as mulleres científicas, aínda representan unha inxusta minoría. Segundo a Unesco, só o 35% do alumnado das carreiras de Ciencia; Tecnoloxía, Enxeñaría ou Matemáticas son mulleres. E entre profesionais da investigación, a porcentaxe feminina é aínda menor, do 30%.
Para rematar con esta desigualdade, hai que seguir traballando en todos os ámbitos: nas escolas, universidades, no mundo laboral e en colaboración cos colectivos profesionais.