Nos últimos anos, pola miña presenza en movementos culturais, sociais e comunicativos, recibín algunhas ofertas para integrarme nalgún dos partidos políticos existentes. Pero por razóns que non sabería explicar, non me sentín nada inclinado a aceptalas. Pola contra, cando oín falar da Marea Atlántica, o manifesto inicial e, sobre todo, a forma de participación, que xa coñecía dalgúns dos colectivos nos que colaboro, e as persoas que me invitaban a entrar, nas que teño unha cega confianza, fixéronme pensar que botar unha man neste proxecto non sería unha perda de tempo.
Algunhas persoas alineadas nalgunha formación política que poderíamos considerar afín, afirman que a Marea Atlántica non ten sentido de existir, porque todo o que nós reivindicamos e defendemos xa o abandeiran esas organizacións. Non coñezo a ningún político actual que non se crea na absoluta posesión da verdade e a representatividade social.
Pero eu non son así. Estou seguro de que as miñas ideas non son as máis brillantes, e por iso quero debatilas e contrastalas coas dos meus iguais, para que todas xuntas deseñemos un ideario mellor.