Novas da Marea

PortoCoruña

A recompensa por aprobar a especulación na Solana: 747,88 euros por dúas horas de xuntanza

A conselleira Beatriz Mato cobrou, entre xaneiro de 2015 e xullo de 2017, 6.730,92 euros brutos en dietas por asistir a nove reunións do Consello de Administración da Autoridade Portuaria.

En dous anos e medio, o Porto gastou 56.838,88 euros nas retribucións de representantes dos gobernos do PP na Xunta, no Estado e nos concellos de Arteixo e A Coruña.

O 22 de decembro de 2016, once persoas votaron a favor de vender os terreos da Solana e o Hotel Finisterre. Por asistir á xuntanza na que se tomou esta decisión contra o ben común —que a cidadanía tivo que frear na rúa— cobraron en dietas 747,88 euros brutos por cabeza, pagados con cartos públicos da Autoridade Portuaria da Coruña. Unha desas persoas foi a conselleira de Medio Ambiente e presidenta do PP local, Beatriz Mato, nunha lista chea de altos cargos dos gobernos do Partido Popular. Só representante do Concello da Coruña, Xiao Varela, renunciou a estas remuneracións esaxeradas.

Entre xaneiro de 2015 e xullo de 2017, a Autoridade Portuaria gastou 56.838,88 euros brutos en pagar dietas polas 13 reunións que celebrou o seu Consello de Administración, que duran pouco máis de dúas horas. Por cada un destes encontros, celebrados en horario de traballo, cada unha das asistentes recibe 747,88 €, máis do que gaña nun mes unha persoa co salario mínimo. O importe neto varía en cada caso, pero é a cifra bruta a que indica o custo para as arcas do Porto da Coruña, unha entidade pública que, por certo, acumula unha débeda de máis de 300 millóns de euros.

 

Cadro Dietas

Unha loita pola transparencia

Non foi doado conseguir estes datos. O representante do Concello da Coruña no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, Xiao Varela, solicitounos en varias ocasións, pero as súas peticións foron ignoradas. Tivo que ser o Consello Estatal de Transparencia, previa reclamación cidadá, o que obrigou a revelar a lista completa das retribucións neste período de dous anos e medio. O resto aínda seguen ocultas.

Nesa lista aparecen cargos da Xunta, o Estado, o Concello de Arteixo e tamén do Concello da Coruña, nos tempos nos que estaba gobernado polo PP. De feito, o equipo de Carlos Negreira chegou a ter dous representantes simultáneos, Roberto Coira e Julio Flores, o principal imputado na Operación Pikachu por corrupción e enchufes. Tamén figura Beatriz Mato, a única conselleira da Xunta con asento no Porto da Coruña, que cobrou neste período ata 6.730,92 euros por asistir a 9 xuntanzas, unhas 18 horas de traballo. Desde o ano pasado, súmase tamén a man dereita de Alberto Núñez Feijóo, a secretaria xeral de Medios do goberno galego, Mar Sánchez Sierra.

Hoxe en día, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, é o único de todos os integrantes do Consello de Administración da Autoridade Portuaria que renunciou ás súas dietas. Así o establece o Código Ético da Marea Atlántica, e así o facemos en todas as institucións nas que a cidadanía quixo que nos atopáramos. O salario dun cargo público xa cubre estas responsabilidades.

Canto representan eses 747,88 euros brutos que xente como Beatriz Mato cobrou por decisións como especular os terreos da Solana nun encontro de dúas horas?

  • Un 2% máis que o Salario Mínimo (735,90€).
  • Un 1% máis que a pensión media das mulleres en Galicia (740,73€), segundo datos do Instituto Galego de Estatística.
  • Un 37% máis que a pensión de viuvez media en Galicia: (543 €), segundo datos do Instituto Galego de Estatística.
  • Un 35% máis que do que cobra ao mes unha persoa coa Renda Social Municipal (550€)

Que supoñen 747,88 euros por dúas horas de traballo?

  • 65 veces máis que o salario mínimo por dúas horas (11,52€)
  • 39 veces máis que o salario medio por dúas horas na Coruña (19,20€), segundo o Instituto Galego de Estatística.

Por moito que se retorzan os datos para construír lecturas presuntamente favorables, non se pode tolerar que nunha sociedade cada vez máis desigual, e con cada vez máis persoas desposuídas polas políticas do Partido Popular, haxa cargos públicos con sobresoldos por ter reunións dentro do seu horario de traballo. A política debe ser un servizo á cidadanía, non un enriquecemento á súa costa.

Have your say