Saltar ao contido

A Falperra xa esperou o suficiente. O goberno municipal da Marea Atlántica ten un proxecto para converter Santa Lucía no mercado que o barrio merece, reforzado cun centro cívico. Máis que unha praza de abastos, un lugar de reunión e de vida social, un espazo aberto para que a veciñanza respire.

Imaxinámolo?

Como se puido ver na presentación realizada en novembro polo goberno municipal, o novo mercado contará cunha gran praza na fachada principal, un punto de encontro entre as rúas Doutor Flemming, Inés de Castro e Alfonso VII, con zonas verdes e de descanso. E cun novo centro cívico na parte superior, para aumentar a oferta de servizos e actividades.

O mercado terá unha entrada transparente, que permitirá ver os postos e os produtos desde a rúa. Os corredores serán máis amplos, e terá un teito acristalado. Será unha praza interior, na que facer a compra a diario, con hostelería e actividades periódicas.

Santa Lucía ten potencial para ser o corazón da Falperra, para atraer outras actividades ás rúas próximas e para darlle vida ao barrio. Será un modelo no que se mirarán outros mercados da cidade.

A reforma foi deseñada polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto, Premio Nacional de Arquitectura e autor do edificio orixinal. Deixará no barrio un investimento de 6,6 millóns de euros. Unha parte deses cartos, 750.000 euros, xa están no orzamento, listos para iniciar o proxecto.

28_Falperring

E o Centro de Saúde?

O Concello ofreceulle tres parcelas diferentes á Xunta de Galicia para construír un novo centro de saúde na zona centro. Ofreceullas de balde e sen condicións, e aínda así ningunha lle valeu á Xunta.

A primeira, no Paseo das Pontes, foi rexeitada por estar demasiado lonxe. A segunda, na parte superior do mercado —pero sen renunciar a el— seica non reunía as condicións técnicas. A terceira, na rúa Falperra, gustaba a moitos veciños e veciñas, pero a Xunta tampouco a quixo.

Se o Concello puidese facer un centro de saúde, xa estaría en marcha. Pero as competencias son do goberno galego, o mesmo que leva desde 2015 sen facer un só investimento importante na cidade. Tampouco este. Só inventan escusas para non avanzar.

O que si pode facer o Concello é evitar que a Falperra siga a perder tempo cunha promesa que o Partido Popular fixo no seu programa electoral de 2011 e que nunca tivo intención de cumprir. A Marea Atlántica non vai deixar ao barrio sen a renovación do mercado porque na Xunta teñan o reloxo parado.

 

Non se pode seguir negociando?

Non existen máis parcelas municipais preto da Falperra que poidan albergar un centro de saúde. O excepcional é que existisen tres, e máis raro aínda que a Xunta as rexeitase todas. Unha negativa difícil de explicar se non é por motivos partidistas.

Con todo, seguiremos a reclamar  un novo centro de saúde para a zona centro, que resolva a masificación no de Federico Tapia. Se o goberno galego se decise a facelo, contará con toda a colaboración do Concello, mesmo económica.

Pero xa abondou de agardar por quen non ten nin bos xestos nin boas palabras. Queremos rescatar Santa Lucía do inxusto abandono no que leva xa demasiados anos. É o que merece a Falperra.

Santa Lucía, o mercado que a Falperra merece