Deputación

libera-jpg

A Deputación apoia a proposta da Marea Atlántica para abolir o tiro ao pombiño

A moción presentada polo grupo provincial da Marea Atlántica, xunto coa Asociación Libera, obtivo apoio maioritario e converteuse nunha declaración institucional no pleno de hoxe

O tiro ao pombiño é unha práctica cruel, na que se mutila ás aves para que sexa máis doado dispararlles. Algúns campionatos están a recibir axudas da Xunta

 

A moción presentada polo grupo provincial da Marea Atlántica en colaboración coa Asociación Animalista Libera, para reclamar a fin do tiro ao pombiño, obtivo o apoio unánime de todos os grupos políticos da Deputación da Coruña. Por iso, converteuse nunha declaración institucional, que foi lida no pleno de hoxe polo seu presidente, Valentín González Formoso.

No texto, ínstase á Xunta de Galicia a retirarlle o seu apoio aos campionatos de tiro ao pombiño, a poñerlle fin ao seu patrocinio con cartos públicos e a desenvolver un novo Proxecto de Lei de Benestar Animal para abolilo. Libera xa ten reunido máis de 30.000 sinaturas en apoio a esta solicitude.

“O denominado tiro ao pombiño é unha práctica anacrónica e cruenta que consiste na matanza sistemática de pequenas pombas para divertimento dunha minoría que semella desfrutar da morte de aves ás que se lle recurtan parte das ás ou das colas para que, así, sexa máis sinxelo atinar na diana”, salienta a moción. Esta barbaridade, que nada ten que ver coa práctica cinexética, introduciuse como excepción na Lei de Protección dos Animais de 1993, ao mesmo nivel que as touradas.

De xeito incomprensible, a Xunta de Galicia, a través da Fundación Galicia Deporte subsidiou centos de euros para promover unha actividade baseada no maltrato animal.

Have your say