Saltar ao contido

A futura Lei de Benestar Animal da Xunta de Galicia non debera permitir esta práctica cruel e anacrónica, que nada ten que ver coa caza. Mutílase ás aves por divertimento

O coordinador da asociación animalista en Galicia, Rubén Pérez, e o voceiro provincial da Marea, Daniel Díaz Grandío, mantiveron esta semana unha xuntanza de colaboración

 

O grupo provincial da Marea Atlántica defenderá no vindeiro pleno da Deputación da Coruña, o 23 de decembro, unha moción da Asociación Animalista Libera para instar á Xunta de Galicia a retirarlle o seu apoio aos campionatos de tiro ao pombiño, e a desenvolver as modificacións normativas necesarias para a súa abolición.

O voceiro da Marea Atlántica na Deputación, Daniel Díaz Grandío, e o coordinador de Libera en Galicia, Rubén Pérez, mantiveron esta semana unha xuntanza de traballo de cara á presentación desta moción. O encontro foi frutífero e cordial, e senta as bases para unha colaboración estable entre ambos colectivos.

“O denominado tiro ao pombiño é unha práctica anacrónica e cruenta que consiste na matanza sistemática de pequenas pombas para divertimento dunha minoría que semella desfrutar da morte de aves ás que se lle recurtan parte das ás ou das colas para que, así, sexa máis sinxelo atinar na diana”, salienta a moción. Esta barbaridade, que nada ten que ver coa práctica cinexética, introduciuse como excepción na Lei de Protección dos Animais de 1993, ao mesmo nivel que as touradas.

 

A Xunta está a financiar campionatos de tiro ao pombiño

A maioría da sociedade galega rexeita esta práctica, como proba que os patrocinadores tradicionais fóronlle retirando o seu apoio económico aos campionatos de tiro ao pombiño. E, de xeito incomprensible, a Xunta de Galicia, a través da Fundación Galicia Deporte subsidiou centos para promover unha actividade baseada no maltrato animal.

Por iso, a moción reclama que non se destinen cartos públicos a fomentar o tiro ao pombiño, e que se aproveite o desenvolvemento dun novo Proxecto de Lei de Benestar Anima para retirar a excepción que permite que siga a existir.

A Marea Atlántica e Libera piden o apoio da Deputación para abolir o tiro ao pombiño