Saltar ao contido

O goberno chegou a un acordo co BNG, que presentou propostas concretas para incluír nas contas municipais. Socialistas e populares só ofreceron a alternativa da parálise

Xulio Ferreiro: “Neste Pleno, dúas formacións de catro decidiron situarse do lado da cidade, e outras dúas apostaron por mirar os intereses do seu partido”

O PSOE e o PP, xuntos da man, escolleron hoxe a parálise e o bloqueo. Sen propostas, sen emendas e sen ideas que ofrecer a cambio, rexeitaron o proxecto de Orzamentos 2017, acordado entre o goberno municipal e o BNG. O alcalde, Xulio Ferreiro, afirmou que “acabamos de asistir, unha vez máis, a unha votación conxunta de populares e socialistas que acaba de decidir que esta cidade non teña orzamentos aprobados este ano”.

Foi posible un acordo co Bloque Nacionalista Galego, que introduciu varias propostas nos orzamentos a través dunha emenda. Pero PP e PSOE rexeitaron calquera entendemento. “Co Bloque chegamos a un consenso en 24 horas, nas que nos sentamos a traballar. Neste Pleno, dúas formacións de catro decidiron situarse do lado da cidade e posibilitar que comezase o ano con orzamentos aprobados, e outras dúas apostaron por mirar os intereses do seu partido”, expresou Xulio Ferreiro.

O executivo local puxo sobre a mesa un modelo de cidade. O PP e o PSOE elixiron tumbala sen dar alternativas, simplemente para causar un bloqueo do que logo culparán ao goberno, nunha profecía autocumprida. E, así, deixan no aire políticas como a defensa do dereito á vivenda e do alugueiro social, a mellora dos contratos de recollida de lixo e coidado de parques e xardíns, a renovación das liñas de autobús, a reforma dos mercados municipais, a creación dun centro de acollida para persoas sen fogar, a continuidade das canles de participación ou a construción da Área Metropolitana. Ao PP e ao PSOE non lles importa a cidade, só os seus intereses partidistas.

No peor dos casos, a prórroga dos orzamentos non será tan dura como a de 2016:

  • Os convenios coas asociacións e entidades sociais poderían manterse.
  • Conservaránse 9,2 millóns correspondentes a obras xa aprobadas este ano, entre elas o cambio das cubertas de Riazor.
  • Os 10 millóns de remanente de Tesourería tamén se sumarán en canto remate o exercicio fiscal.

 

Se o PSOE pode pactar con Rajoy, seguro que é posible o acordo na Coruña

28-12-16-foto-pleno-2-orzamentos
Fotos @Concello da Coruña

Con todo, o goberno segue coa man tendida. O alcalde anunciou un último intento de chegar a un acordo co PSOE, porque entendemos que é o mellor escenario. Sorpréndeme que o Partido Socialista sexa capaz de pactar os Orzamentos do Estado con Mariano Rajoy e aquí non sexan quen sequera de presentar emendas”.

“Imos trasladar ao grupo socialista unha proposta concreta de orzamentos para, a partir de aí, poder conseguir chegar a acordos. O que me gustaría sería coñecer as as emendas que lle fai o PSOE a ese proxecto, porque nunca as dixeron”, argumentou Ferreiro.

Pero se a resposta segue a ser o bloqueo, Xulio Ferreiro aclarou que “non nos asusta ir a unha moción de confianza se é a única opción que nos deixan”. O obxectivo claro é é que as contas municipais estean aprobadas e en vigor canto antes, polo ben da cidade: “Non nos imos meter no mesmo bucle do ano pasado. O que temos que ter claro é que a cidade necesita uns orzamentos, e antepoñer iso a calquera outro interese”.

Historia dunha non-negociación

E por que non houbo negociación antes? Porque mal se pode negociar con quen non quere. O PSOE recibiu en agosto a primeira oferta para debater os orzamentos. Rexeitárona porque daquela só querían falar de entrar no goberno. En todo ese tempo, nin unha soa vez sentaron a falar das contas municipais, nin fixeron proposta algunha. Únicamente pediron, en novembro, xa cun borrador sobre a mesa, comezar unha negociación de cero.

En canto ao Partido Popular, trasladoulle ao goberno un documento cheo de liñas vermellas. A resposta do executivo da Marea Atlántica foi unha contraoferta na que se aceptaban varias das propostas, as menos nocivas coas política sociais e a memoria histórica. Inmediatamente, o PP levantou da mesa e denunciou sectarismo. Desde o todo ou nada, mal se pode negociar.

Consúmase o bloqueo: PP e PSOE tomban os Orzamentos para 2017