Novas da Marea

25 medidas para o 25 de maio

Xulio Ferreiro: “O Goberno da Marea deixará de traballar coas entidades bancarias que executen desafiuzamentos e deixen a xente sen teito”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña presenta aos medios as 25 medidas “de urxencia” que aplicará desde o goberno da cidade, co que “comezará un novo ciclo no que a prioridade volverán ser as persoas, non os poderes económicos”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou en rolda de prensa as 25 primeiras medidas que a plataforma cidadá que encabeza tomará se accede ao goberno municipal despois das eleccións locais do vindeiro 24 de maio. “Trátase dun plan de choque que atenda as urxencias e tamén simbolice o comezo dun novo ciclo político na Coruña, onde a prioridade volverán ser as persoas, non os poderes económicos”, anunciou. Ferreiro adiantou algunhas das medidas que “impulsará nos primeiros 100 días en María Pita” e entre as que destacou aquelas destinadas a converter A Coruña “nunha cidade libre de desafiuzamentos”. “No que dependa do Concello non se vai colaborar con ningún despexo, como ocorreu no recente caso de Elviña. O persoal municipal non está para botar ás persoas das súas casas. Nos casos que non dependan do goberno local, poremos todos os recursos dispoñibles para axudar aos afectados e ás afectadas. E ademais, o Concello cancelará os seus saldos nas contas que teña nas entidades financeiras que executen desafiuzamentos, apostando pola banca ética”, engadiu o cabeza de lista da Marea.

Ferreiro tamén avanzou algunhas das medidas a prol da transparencia e a participación cidadá que implementará desde María Pita. “Queremos unha lupa sobre o goberno municipal, por iso publicaremos todos os contratos do Concello ou incluiremos a todos os grupos municipais nas mesas de contratación. Así mesmo, descentralizaremos a xestión, creando Xuntas de Barrio o Distrito con capacidade de decisión sobre algúns dos asuntos que lle afectan directamente”, explicou.

Outras das moitas medidas anunciadas por Xulio Ferreiro foron a revisión do convenio de Someso, a creación dunha Renda Social Municipal que axude a “garantir unha vida digna a todas as persoas”; impulsar un Plan de Emprego que “poña especial atención nos sectores en risco de exclusión”. Nese sentido tamén asegurou que a Marea elaborará “un plan serio para acabar cos asentamentos precarios, algo que sabemos que non se vai conseguir en 100 días pero que afrontaremos desde o principio” e  detectará e “eliminará” os puntos de vertedura á ría do Burgo dentro do espazo municipal.

Consulta aquí o documento completo coas 25 medidas.

1 comment

  1. Estou con vos o 100% hay que votalos os corruptos que nos gobernan

    Responder

Have your say