Saltar ao contido

Xulio Ferreiro anuncia que a Marea “impulsará un Plan Municipal de Emprego” e acusa a Negreira de “non facer da loita contra o paro a súa prioridade”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña aposta pola “reorganización do Centro Municipal de Emprego, fortalecendo a formación do persoal e creando plans de acción que favorezan o acceso ao mercado de traballo dos diferentes colectivos, especialmente aqueles en risco de exclusión social”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou que, ao chegar ao goberno municipal, a lista que encabeza “impulsará un Plan Municipal de Emprego que lle faga fronte á emerxencia social que se vive na Coruña con contidos reais, lonxe do simple acto de propaganda baleira no que converteron os distintos gobernos iniciativas semellantes”. “Nun concello con 22.030 persoas sen un posto de traballo, das cales o 53,4% son mulleres, a loita polo emprego ten que ser a principal prioridade do goberno municipal, e así o será para o da Marea, que tamén intentará dentro das súas competencias combater a precariedade que se está a instalar como norma no mercado laboral”, engadiu.

“A nosa proposta pasa por integrar os distintos programas nun Plan Municipal de Emprego que tería que coordinarse coa Xunta e contar coa participación dos axentes sociais. Ese plan contemplaría a reorganización do Centro Municipal de Emprego, fortalecendo a formación do persoal e creando plans de acción que impulsen a incorporación ao mercado de traballo dos diferentes colectivos, poñendo especial interese nos colectivos en risco de exclusión social, como é o caso das mulleres, da mocidade, dos maiores de 45 anos, das persoas con diversidade funcional, dos inmigrantes, etc”, afirma Xulio Ferreiro, que así mesmo defende que o referido Plan de Emprego “sexa tamén de formación, prioritariamente certificada, e aposte pola innovación tecnolóxica (I+D+i) e os novos xacementos de emprego”.

Por último, o candidato da Marea, ante os datos que indican que máis de 22.000 persoas seguen no desemprego na cidade, lamentou que “este grave problema nunca sexa a prioridade para o goberno de Negreira, que só executou no 2014 a terceira parte (o 33,6%) do orzamento que tiña previsto para actuacións e programas de fomento de emprego”.

Traballar polo emprego para atallar a emerxencia social