Marea Atlántica reúnese con traballadoras da Sanidade Pública, sindicatos e asociacións veciñais dentro da súa iniciativa #MareaEscoita
O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña , Xulio Ferreiro, destaca que os membros da plataforma cidadá acoden a estes contactos “coa intención de escoitar as necesidades e aprender da cidadanía, non para facer promesas electoralistas que se esquecen ao día seguinte das eleccións, como é a norma na vella política”
Membros da candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais da Coruña levan varias semanas mergullados na iniciativa #MareaEscoita, mediante a cal reúnense con diversos colectivos e axentes sociais e veciñais coa intención de anotar de primeira man as súas demandas coa intención de integralas nas “dinámicas políticas participativas e pensadas desde e para a cidadanía que definen o modelo da Marea”, segundo afirma o candidato da plataforma cidadá á alcaldía, Xulio Ferreiro.
“As xentes da Marea acudimos a estes contactos coa intención de escoitar as necesidades e mesmo aprender da cidadanía, non para aplicar as normas da vella política baseadas en lanzar promesas electoralistas, moitas delas imposibles e que esquecen ao día seguinte dos comicios”, apunta Ferreiro, que este mércores mantivo a primeira das reunións que a Marea terá con axentes sindicais, xa que acudiu a un encontro con Comisión Obreiras (CC.OO), no que se reflectiron urxencias sociais como os altos índices de desemprego e precariedade laboral existentes na cidade e na comarca. Acompañaron ao cabeza de lista Rocío Fraga (número dous da lista), Eugenia Vieito (número seis) e Begoña Romero (número doce).
Así mesmo, pola mañá as candidatas Rocío Fraga, Silvia Cameán (número catro) e Claudia Delso (número oito) acudiron a unha xuntanza con traballadoras sociais do CHUAC, que en medio da vaga de terribles recortes na Sanidade Pública informaron da situación dos servizos sociais municipais e as trabas que atopan para desenvolver o seu traballo, que basicamente resolven grazas á súa implicación persoal na busca de solucións para a cidadanía mais necesitada.
Ademais, membros da Marea mantiveron unha reunión coa Asociación Veciñal IAR do Castrillón, que se uniu ás que tiveron lugar nos últimos días coa Asociación de Veciños Uxío Carré de Eirís, con persoal dos postos do Mercado de San Agustín, a Plataforma Veciñal del Barrio de las Flores ou outras moitas que xa se produciron ou se producirán nos próximos días e que se unen ao traballo desenvolvido polas diversas mareas sectoriais ou de barrio nos últimos nove meses. “O diálogo coa sociedade e a súa participación na xestión municipal forma parte do ADN da Marea”, sinala ao respecto Xulio Ferreiro.