Saltar ao contido

María García: “En plena alarma social por un novo tarifazo, reclamamos que  Inés Rey cumpra o acordo de crear un operador público local de enerxía na Coruña, que leva dous anos completamente paralizado”

Levaremos ao Pleno de xullo unha moción para insistir na posta en marcha de Coruña Enerxía. A nosa man segue tendida para plantarlle cara ás grandes eléctricas e camiñar cara unha transición enerxética xusta coas persoas e co medio ambiente

A Marea Atlántica votou hoxe en contra do reparto de dividendos na Xunta Xeral de Emalcsa, como protesta por incumprir o acordo para creación dun operador enerxético municipal. A posta en marcha de Coruña Enerxía, como unha alternativa ás grandes empresas do sector, fomentando as renovables e garantindo o subministro nos fogares con menos recursos, foi un dos acordos asinados co PSOE para a investidura de Inés Rey, pero leva dous anos incumprido e paralizado. 

Levaremos ao Pleno de xullo unha moción para esixir o respecto do acordado, e ofrecemos todo o noso apoio para avanzar cara unha empresa municipal de enerxía que avance na xustiza social e ambiental. Expresamos, igualmente, a nosa adhesión ás mobilizacións cidadás que se están a convocar en diversas localidades para protestar contra a suba do recibo da luz coas novas tarifas que entraron en vigor en xuño. 

A nosa voceira, e integrante do Consello de Administración de Emalcsa, María García, salientou que “en plena alarma social por un novo tarifazo eléctrico, reclamamos que Inés Rey cumpra a súa palabra e poña en marcha un operador eléctrico público”. Así, mentres cidades como Barcelona ou Cádiz, que contan coas súas empresas municipais de enerxía, están a anunciar que non lle subirán a luz aos fogares vulnerables, na Coruña non temos unha ferramenta similar.

Como xa denunciamos en moitas ocasións, o goberno municipal non deu un só paso para crear o operador enerxético desde febreiro de 2020, cando se realizou o trámite de declarar Emalcsa como medio propio do Concello para poder asumir esta encomenda. Desde aquela, nada. “Temos que lamentar, outra vez, que as necesidades reais das persoas non sexan a prioridade do goberno municipal”.

Outros acordos neste eido non deron sequera o primeiro paso. No se creou o Mapa das Enerxías Renovables, para identificar onde podería A Coruña xerar enerxía limpa, nin se puxo en marcha a Oficina da Enerxía para axudar á veciñanza a aforrar na factura da luz e asesorar en cuestión de eficiencia no consumo e tarifas. Ambas medidas serian agora moi útiles para a cidadanía.

O modelo de Coruña Enerxía

O 13 de decembro de 2019 acordamos co PSOE o modelo de operador enerxético municipal Coruña Enerxía. Dentro do permitido pola Lei do Sector Eléctrico, ocuparíase de adquirir enerxía nas mellores condicións de calidade, sustentabilidade e prezo, priorizando as fontes renovables e puidendo instalar as súas propias instalacións de produción enerxética. 

Ademais, Coruña Enerxía podería darlles servizo aos fogares con menos recursos, “para cubrir as necesidades básicas mínimas e suficientes”, do mesmo xeito no que Emalcsa xa garante o mínimo vital de auga grazas a un dos poucos acordos coa Marea Atlántica que si foron cumpridos.

Os distintos cambios na tarifa eléctrica do Estado sempre rematan igual, subindo a factura e afogando aínda máis ás persoas que xa están a levar a peor parte da crise. Non se pode consentir que as necesidades básicas para unha vida digna queden por detrás dos beneficios das grandes empresas que alimentan os seus Consellos de Administración con representantes de partidos políticos. É precisa unha reforma a fondo do sistema de poxas pero, mentres non se produce, medidas coma os operadores enerxéticos municipais poden axudar a conter o problema.

Votamos en contra do reparto de beneficios de Emalcsa por incumprir o acordo da creación dunha empresa municipal de enerxía