Saltar ao contido

Propoñemos que os espazos municipais de atención ao público conten con pictogramas para as persoas con trastornos do espectro autista

Trátase dunha iniciativa sinxela de implementar, que facilitaría as persoas con TEA poidan ter acceso aos servizos municipais, construíndo unha cidade máis inclusiva

A Marea Atlántica levará ao Pleno do mes de xullo unha iniciativa para reclamar o uso de pictogramas como sinalización nos espazos municipais de atención ao público, para facilitarlle a vida ás persoas con trastornos do espectro autista (TEA). Para iso, buscaremos o apoio do conxunto da  Corporación e xa lle trasladamos esta iniciativa á Asociación Galega de Asperger (Asperga) nunha xuntanza esta semana. 

A concelleira Silvia Cameán sinala que “a instalación de pictogramas é unha medida sinxela e que o Concello podería aplicar sen custo algún, xa que a Xunta ten un programa para financiar este tipo de iniciativas. A cambio, teremos unha cidade con maior accesibilidade cognitiva, máis amable para toda a veciñanza”. 

As persoas con TEA adoitan ter maior dificultade para comprender e interpretar a linguaxe escrita, porque lles pode resultar complexo asociar ideas aos textos. Por iso, élles máis sinxelo para a súa vida cotiá o uso de pictogramas, imaxes cun significado único, a través do cal identifican a realidade que representa.

“Xa son moitas as cidades que están a empregar os pictogramas nos seus espazos públicos, eliminado barreiras de comunicación, e cremos que A Coruña debería ser unha delas”, engade Silvia Cameán. 

Unha cidade para todas as persoas

O uso de pictogramas é parte dos chamados Sistemas Aumentativos e Alternativos de Comunicación, formas de expresión que serven para aumentar e compensar as dificultades que moitas persoas non neurotípicas teñen coa linguaxe falada e escrita. Os pictogramas axúdanlles a comunicarse co mundo, e o seu uso estase a estender nas últimas décadas. Unha ferramenta sinxela e que garante o dereito a cidade para moitas das nosas veciñas, agora excluídas.