O xerente da área de Vivenda do Concello de Barcelona participou hoxe na xornada de debate ‘Horizonte Coruña’, organizada pola Marea Atlántica
“Desde os anos 50, en España construíronse 6,5 millóns de vivendas de protección, case todas están hoxe no mercado privado”, sinalou Javier Burón, xerente da área de Vivenda do Ajuntament de Barcelona e responsable dalgunhas das políticas públicas máis avanzadas que se están a desenvolver en España neste eido. Burón participou hoxe na xornada Alternativas municipalistas ao problema da vivenda, dentro do ciclo Horizonte Coruña, co que pretende reflexionar sobre os principais retos aos que se enfronta a cidade.
Desde o salón de actos do Circo de Artesáns, Javier Burón fixo un repaso á situación da vivenda en España, lembrando que segue a manterse o modelo deseñado polo franquismo, “moi rendible para investir, pero tremendamente inflacionista. Iso explica que os alugueiros medren moito máis rápido que os salarios, e por iso en moi poucas cidades hoxe chega un soldo normal para pagar un piso cun alugueiro normal”. “A xeración dos meus pais preguntábase cando mercar a segunda vivenda, a miña que hipoteca asinar. A mocidade de hoxe o que se pregunta é con quen vai compartir piso para poder pagar o alugueiro”, resumiu.
Explicou que este modelo abócanos a un ciclo de burbullas inmobiliarias e rescates, nos que o público paga os excesos do privado, que “foi especialmente grave en 2008, no que o custo dos 250.000 millóns do rescate bancario daba para pagar séculos de políticas de vivenda pública por parte do Estado”.
Promoción, compra e mobilización das vivendas baleiras
Neste sentido, Burón fixo un chamamento a mudar o modelo de vivenda desde o Estado, achegándonos ao que se está a facer en Europa, “algo no que o actual goberno de coalición expresa vontade, pero poucos resultados prácticos”. Como exemplo do que pode facerse, sinalou o traballo que se está a levar a cabo desde o Concello de Barcelona, con actuacións en tres eidos:
- Promoción directa de vivenda, tanto desde o público coma con fórmulas de cooperación público-privada e público-comunitaria. Grazas a isto, o parque de vivenda protexida medrará tanto entre 2016 e 2025 coma nas décadas que van de 1927 a 2015.
- Compra de vivenda por parte do concello, aproveitando que o dereito de tanteo e retracto está contemplado na lexislación catalá e permite que as institucións públicas teñen prioridade á hora de adquirir calquera inmoble que se poña á venda. Serve para dar cobertura ás zonas onde non se está a construír VPO e procurar equilibrio territorial.
- Mobilización da vivenda baleira, mediante programas coma bolsas de alugueiro con garantías por parte do municipio. Pero para facelo con eficacia, foi imprescindible o censo realizado polo Observatori Metropolità de l’Habitatge de Barcelona, Non podemos depender dos datos do sector privado, necesariamente nesgados.
Estas iniciativas para aumentar o parque público de vivenda e poñela a disposición da xente con fórmulas de alugueiro social, compleméntanse cunha aposta pola rehabilitación e un programa de axudas ao alugueiro.
No “mentres tanto”, ata que se logre un cambio de modelo real no acceso á vivenda, Burón fixo un chamamento a asumir con seriedade a regulación do mercado do alugueiro, “para que os recursos públicos sirvan para garantir o dereito á vivenda, non os beneficios especulativos de propietarios privados”.
A Coruña: un parque de vivenda municipal conxelado
Tras a charla inicial de Javier Burón, desenvolveuse un coloquio moderado pola arquitecta e candidata da Marea Atlántica, Chiqui García, con Ana Pardo, directora territorial da asociación Provivienda en Galicia, Margarida Vázquez, presidenta do Consello Reitor da Cooperativa de vivienda en cesión de uso ‘Outra Forma de Vivenda’, e David Pereira, arquitecto da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, autor dun estudo sobre como o estudantado da UdC accede á súa vivenda.
Neste debate, sinalouse que o parque de vivenda pública municipal da Coruña, 402 pisos, leva practicamente conxelado desde o franquismo, e só aumentará nos próximos anos grazas a dous proxectos postos en marcha polo goberno da Marea Atlántica, con cinco vivendas en Pontejos e no cincuenta barrio de Xuxán. Alén diso, este mandato foi un mandato en branco en políticas de vivenda, a pesar do pacto asinado polo equipo de Inés Rey para os Orzamentos 2022.
Ana Pardo explicou como Provivivenda, con seis anos de actividade en Galicia, traballa para mediar entre as persoas sen recursos e os propietarios de pisos, “execendo como garante e limando as desconfianzas. Porque calquera se pode ver con dificultades de acceso á vivenda. Antes, o problema era maior entre a mocidade e colectivos vulnerables Hoxe afecta a todo o mundo”.
Margarida Vázquez, representante da cooperativa ‘Outra forma de vivenda’, un modelo pioneiro en Galicia para a promoción de vivenda sen ánimo de lucro, sinalou que a lexislación autonómica é un verdadeiro problema para modelos coma este.
David Pereira realizou a súa tese analizando o acceso dos estudantes aos pisos de alugueiro na Coruña, detectando as crecentes dificultades para atopar a vivendas dignas. “No proceso, detectamos unha grande cantidade de pisos baleiros e en estado de deterioro, algo que non debería considerarse normal”.
A primeira xornada de Horizonte Coruña celebrouse en outubro, centrada no futuro do porto e coa presenza de Ramón Marrades, reunindo a un centenar de persoas. Agora é o momento de falar de vivenda, e continuaremos a poñer sobre a mesa debates, reflexións e propostas.