Unhas 1.300 persoas, mulleres nun 98%, están chamadas a parar os días 24 e 25 de novembro, reclamando que os seus salarios se acheguen aos dos servizos centrais da empresa
A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno da Deputación Provincial da Coruña, o venres 25 de novembro, unha moción en apoio á folga convocada polas traballadoras de Inditex, para reclamar un aumento de salario que achegue as súas condicións laborais ás de outros sectores da empresa, moito máis favorables. O noso voceiro provincial, Alberto Lema, e o candidato Xan Xove reuníronse con elas nos últimos días.
A folga foi convocada polo sindicato CIG para o 24 e 25 de novembro, na campaña do Black Friday, e afecta a unhas 1.300 traballadoras das tendas de Zara, Lefties, Pull and Bear, Oysho, Zara Home, Kiddys Class e Tempe, que son mulleres nun 98%. Cobran pouco máis que o salario mínimo, a metade ou menos que compañeiros dos servizos centrais de Inditex. Pero a empresa négase a negociar as súas condicións, aínda que vén de rexistrar un beneficios históricos de 1.794 millóns de euros no primeiro semestre de 2022. Ten de sobra para mellorar as condicións das súas dependentas.
Fartas de non chegar a fin de mes
“Estamos fartas de non chegar a fin de mes”, clamaban as traballadoras na mobilización do pasado 6 de novembro, pois a elevada inflación dos últimos anos supuxo unha perda progresiva do seu poder adquisitivo, o que provoca que só mediante a acumulación de horas extraordinarias e de traballo na fin de semana poidan completar un salario digno. O seu dereito ao descanso e á conciliación da vida familiar e laboral vese, pois, afectado de maneira evidente por este feito.
O noso voceiro provincial, Alberto Lema, tamén sinala que existe unha fenda de xénero no seo de Inditex, sendo xusto as seccións ocupadas maioritariamente por mulleres as que perciben os salarios máis baixos.
Ao mesmo tempo, as traballadoras reclaman que as súas condicións laborais se negocien en Galicia, onde se atopa a sede de Inditex, e non en Madrid, restándolles capacidade negociadora. Desde a Marea Atlántica apoiamos sen dúbida estas reivindicacións e agardamos que a maioría dos grupos do Pleno provincial fagan o mesmo.