Saltar ao contido

A Marea Atlántica recibiu hoxe, na estación de San Cristovo, a varios integrantes da candiatura de Ferrol en Común, que realizaron unha viaxe reivindicativa

O trazado actual non tivo modificacións substanciais desde a súa inauguración en 1913 e un informe do Eixo Atlántico reclama a súa urxente modernización

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, recibiu hoxe ao seu homólogo de Ferrol en Común, Jorge Suárez, na estación de tren da Coruña, acompañados ambos por integrantes das súas súas respectivas listas. Neste encontro reivindicaron unha conexión ferroviaria digna entre as dúas cidades, xa que a actual continúa cun trazado do século XIX. 

A viaxe desde Ferrol levoulles a Jorge Suárez e o seu equipo 1 hora e 32 minutos, fronte aos 39 minutos que se tarda en facelo a través da autoestrada AP-9. A liña férrea que conecta as dúas cidades é de 1913, e desde entón non recibiu ningunha mellora significativa. Un informe técnico do Eixo Atlántico, realizado polo catedrático Miguel Rodríguez Bugarín, reclama xa desde 2015 a actualización do trazado, pero o Adif e o Estado fixeron caso omiso. 

“É unha vergonza que a única forma eficiente de viaxar entre A Coruña é Ferrol sexa a autoestrada. Falamos de dúas cidades cunha forte relación histórica, unidas polo golfo Ártabro, que se beneficiarían moito dunha conexión ferroviaria digna. O transporte por ferrocarril é básico para os ecosistemas urbanos sostibles e para que a área metropolitana da Coruña reforce a súa relación económica co norte da provincia”, declarou Xan Xove. 

Pola súa banda, Jorge Suárez, lembrou que “a obra do baipás de Betanzos, licitada en 2019, segue en punto morto, a pesar de que cun investimento de 120 millóns de euros, ben asumible polo Adif, reduciría ata os 45 minutos o tempo de viaxe entre A Coruña e Ferrol. Pero o déficit de investimento no ferrocarril galego como alternativa de mobilidade segue agravándose ano tras ano”. Tanto Xan Xove como Jorge Suárez reclamáronlle ao goberno do Estado un maior compromiso e unha aposta polo tren de proximidade en Galicia.

Mitín mañá, martes 16, na praza das Conchiñas

Xan Xove estará mañá, martes 16 de maio, nun mitin na praza das Conchiñas, no que tamén participarán, entre outros, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega. Así, os ex-alcaldes e principais referentes do espazo municipalista en Galicia trasladaranlle o seu apoio á candidatura da Marea Atlántica na Coruña. O acto comezará ás 19h e contará tamén con María García, voceira municipal da Marea, e as candidatas Bea González de Canales (número 2), enfermeira na sanidade pública, e Ana Louzán (número 14), fundadora da ONDG Viraventos moi ligada ao barrio. A cita rematará co actuación dos Kibbis.

Así, amosarase o respaldo do municipalismo galego á Marea Atlántica e o seu candidato. Desde a súa experiencia, os ex-alcaldes representan a política de proximidade, que é a que importa nunhas eleccións municipais, nas que se decide o cercano. Nas que se escolle A Coruña.

Xan Xove e Jorge Suárez reclaman unha conexión ferroviaria digna entre A Coruña e Ferrol