O acto será este 16 de maio ás 19h, contará tamén coa participación de María García, Bea González de Canales e Ana Louzán e rematará con música en directo
O candidato á Alcaldía da Marea Atlántica participou hoxe na carreira Runki, celebrou unha sesión vermú na Gaiteira con Xulio Ferreiro e rematará pola tarde nun encontro coa veciñanza de Palavea, o quilómetro cero da Coruña
Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, encabezarça este martes un mitin arroupado por Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez, os principais referentes do espazo municipalista en Galicia. Será na praza das Conchiñas, no corazón da Agra do Orzán, nun acto no que tamén participarán María García, voceira municipal da Marea, e as candidatas Bea González de Canales (número 2), enfermeira na sanidade pública, e Ana Louzán (número 14), fundadora da ONDG Viraventos moi ligada ao barrio. A cita rematará con música en directo, coa actuación dos Kibbis.
O acto será ás 19 horas deste martes 16 de maio, na Praza da Conchiñas, no barrio onde se criou Xan Xove, a Agra do Orzán, o máis poboado e diverso da Coruña. E servirá para amosar o respaldo de Compostela Aberta, Ferrol en Común e o municipalismo galego á Marea Atlántica e o seu candidato. Desde a súa experiencia como alcaldes, Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez, representan a política de proximidade, que é a que importa nunhas eleccións municipais, nas que se decide o cercano. Nas que se escolle A Coruña.
Na Marea Atlántica apostamos por un inicio forte da campaña electoral, con cinco actos en tres días, indo de Palavea aos Mariñeiros, con música, poesía e actividades infantís. “Queremos unha campaña diversa e para gozar, como é A Coruña, e estamos tendo moi boas sensacións na rúa. Quédannos doce días máis para convencer até a última persoa indecisa de que o voto á Marea Atlántica é o voto útil para ter un goberno municipal progresista e valente”.
Emprego público para persoas con diversidade funcional
Este domingo, Xan Xove comezou a xornada participando na carreira Runki, a carreira superheróica pola inclusión, acompañado por Bea González de Canales e Iván Núñez, tamén compañeiro da candidatura da Marea Atlántica e un dos mellores coñecedores do deporte coruñés de base.
Desde alí, Xove lembrou o seu compromiso de incrementar a reserva de emprego público para as persoas con diversidade funcional, e continuar desenvolvendo as cláusulas de inclusión dos contratos e licitacións públicas, unha práctica que comezou co goberno de Xulio Ferreiro e que debe seguir adiante. “Non pode esquecerse que, segundo os datos oficiais da Xunta, na Coruña son 20.000 as persoas con algún tipo de diversidade funcional”, sinalou o candidato.
Actos na Gaiteira e en Palavea
A continuación, Xove atopouse con Xulio Ferreiro, exalcalde da Coruña, decano da Facultade de Dereito e veciño da Galteira, para unha sesión vermú neste barrio, na que trasladou tamén a proposta de recuperar a antiga capela de Oza para destinala a actividades socioculturais. “Para iso, desde o goberno local, reclamarémoslle ao Estado a cesión da capela e, tras rehabilitala, porémola a disposición da veciñanza coma un novo equipamento público”, explicou.
Pola tarde, o candidato participará nun encontro coa cidadanía de Palavea, na praza do centro cívico. Estará acompañado por dous integrantes da súa candidatura e activistas veciñais de longo percorrido no barrio: Victoria Mejuto, auxiliar de enfermería, e Alfonso Mascuñana, profesor de filosofía xubilado.
Neste barrio, o quilómetro cero da Coruña, proporá recuperar o proxecto dunha senda fluvial no río de Quintas, a instalación dunha nova estación de BiciCoruña e novas ruta de bus (no marco da empresa municipal de transportes que se poderá crear en 2024, ao remate da concesión privada do bus) e desenvolver todas as accións que sexan precisas para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade vial en Palavea.