Saltar ao contido

O Concello ofrecerá formación, asesoramento e incentivos para as pequenas empresas que desexen modernizar a súa organización para reducir o tempo de traballo, seguindo os modelos que funcionaron en Valencia, Reino Unido, Islandia ou Portugal

Neste 1º de maio, o candidato da Marea Atlántica lembrou que “temos ferramentas para ser cada vez máis eficientes, pero cada vez pasamos máis horas no traballo. Non ten sentido, e estase a cobrar un prezo na saúde física e mental da xente”

Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, porá en marcha medidas de fomento para a redución da semana laboral a catro días, desde o Concello e desde as empresas que desexen sumarse, para mellorar a saúde, a calidade de vida e a racionalización do traballo. “O tempo libre, para coidar, para formarse, para o ocio ou simplemente para descansar é cada vez máis escaso. A revolución tecnolóxica e dixital que presenciamos fainos máis produtivos, pero incomprensiblemente cada vez pasamos máis horas no traballo. Non ten sentido. O obxectivo debe ser traballar menos para vivir mellor”, sinala Xove.

O exceso de tempo laboral é xa un problema para a saúde física e mental da cidadanía, por iso neste 1º de maio queremos lanzar a proposta de reducir a semana laboral a catro días. “Dirán que é imposible, como no seu momento dixeron da xornada de oito horas e das vacacións pagadas. Coa dixitalización, o uso sensato da intelixencia artificial e análise dos tempos menos produtivos no traballo, pódese avanzar nesa dirección. E por suposto, cunha reivindicación social firme que a Marea Atlántica apoiará desde o Concello da Coruña”, explica Xan Xove.

Hai exemplos a seguir, coma os recentes proxectos pilotos postos en marcha en Portugal, Islandia, Reino Unido e, especialmente, na Comunidade Valenciá e na cidade de Valencia, onte todos os luns serán festivos durante o mes de abril de 2023, o cal permite estudar o comportamento de toda unha cidade con semana laboral de catro días durante un mes.

O Concello da Coruña estudará o xeito de realizar un proxecto piloto nalgunha área da xestión municipal, para analizar o seu impacto e posibilidades de ampliación da experiencia. Tamén favorecerá esta práctica nas empresas introducindo cláusulas nos contratos públicos que puntúen mellor aquelas que a empreguen, facilitando formación, e subvencionando a adaptación á semana laboral de catro días en pemes e micropemes.

Unha oportunidade para mellorar o mundo do traballo

Reducir a semana laboral é posible grazas aos avances tecnolóxicos, terá un efecto beneficioso na saúde e na convivencia da cidadanía e supón unha oportunidade para combater outros problemas do mundo laboral. Ao reorganizar o reparto do traballo, ábrese a fiestra a eliminar a fenda de xénero, os problemas de mobilidade e o consumo enerxético.

Unha cidadanía con máis tempo libre fará tamén un maior uso da oferta cultural, terá máis tempo para formarse, para un mellor descanso e para distribuír os coidados de xeito equitativo, se a implantación da semana de 4 días laborais se acompaña de medidas de apoio neste sentido. Por todo isto, a aposta de Xan Xove e a Marea Atlántica por esta nova forma de organización do traballo é clara, e farase efectiva a partir do 28 de maio, cando volvamos estar no goberno da Coruña.

Xan Xove porá en marcha na Coruña medidas de fomento da semana laboral de catro días: “A revolución tecnolóxica que vivimos debe permitirnos traballar menos para vivir mellor”