Saltar ao contido

O candidato á Alcaldía percorreu o barrio xunto á asociación veciñal e propuxo darlles uso público aos terreos sen urbanizar na Agra de Santo Amaro, mudando o plan urbanístico

“Queda un mes para as eleccións e seguiremos a traballar duro cada día para gañar a confianza da cidadanía: cara a cara, barrio a barrio e con propostas claras”, declarou Xove 

Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, realizou estes días un percorrido polo barrio de Monte Alto da man da súa asociación veciñal. E apostou por naturalizar a fachada marítima entre a finca dos Mariño e a praia das Amorosas, con solucións coma xardíns verticais, pavimentos permeables, cubertas ecolóxicas e outros sistemas urbanos de drenaxe sostible. “Desta forma, integraremos o paseo marítimo urbano co litoral, protexendo e potenciando os valores da fachada atlántica da Coruña, única en Europa, nun dos barrios máis singulares da cidade”, explicou Xove. 

Acompañado polos números 4 e 6 da súa candidatura, a arquitecta Chiqui García e o profesor Javier Pérez, e pola voceira municipal da Marea Atlántica, María García, o cabeza de lista comprometeuse tamén a modificar o plan urbanístico da Agra de Santo Amaro para poñer á disposición da veciñanza os terreos que agora están sen urbanizar. “Farémolo a través dun plan de usos provisionais, rescatando terreos que levan anos desaproveitados”, di Xove.

O candidato puxo sobre a mesa, igualmente, un plan de melloras na accesibilidade e a mobilidade a pé no interior do barrio, sobre todo na contorna da rúa Marconi e o cruce coa rúa Mondoñedo, que carece de beirarrúas agora mesmo. Tamén apostou por coidar e manter regularmente as zonas verdes de Monte Algo, coma o Campo de Marte e o parque Carlos Casares. 

“Queda un mes para as eleccións e seguiremos a traballar duro cada día para gañar a confianza da cidadanía: cara a cara, barrio a barrio e con propostas claras. A Marea Atlántica é a forza que decide na Coruña”, declarou Xove.

O novo mercado do barrio, un proxecto de Xulio Ferreiro

Xove estivo tamén coas praceiras e praceiros no mercado provisional instalado na praza de Indalecio Prieto, e lembrou que as obras que veñen de comezar para mellorar este equipamento foron postas en marcha polo goberno de Xulio Ferreiro. Dunha banda, este proxecto permite humanizar o espazo público no corazón de Monte Alto. Doutra, pon en valor os mercados municipais, que son ao tempo lugares de comercio de proximidade, alimentación saudable e emprego de calidade, e espazos de socialización e encontro entre a veciñanza. 

Finalmente, cando a Marea Atlántica volva estar no goberno municipal, comprometémonos a retomar as negociacións co Estado e a Sociedade de Equipamentos Penitenciarios (Siepse) para conseguir que o antigo cárcere, un edificio patrimonial, lle sexa cedido ao Concello nunhas condicións xustas. Non pode repetirse a pésima proposta que Inés Rey, que premiaba ao Estado por deixar que o edificio quede en ruínas, e que foi rexeitada polo Pleno.

Xan Xove comprométese a naturalizar o litoral de Monte Alto con espazos verdes entre a finca dos Mariño e a praia das Amorosas